Síguenos


Xunta de Galicia e Cruz Vermella poñen en marcha unha Unidade Móbil de Información para refuxiados ucraínos

Hoxe púxose en marcha unha Unidade Móbil de Información para persoas refuxiadas ucraínas que chegaron a Galicia fuxindo do conflito no seu país. É unha iniciativa impulsada pola Xunta de Galicia e xestionada por Cruz Vermella.

 

A finalidade é proporcionar información relevante e de interese sobre os recursos e axudas que teñen á súa disposición e como acceder a elas. Esta oficina itinerante resolverá cuestións relacionadas coa tramitación da protección temporal ou o acceso a recursos sociais, sanitarios, educativos e de emprego, por exemplo.

 

O acto de presentación tivo lugar hoxe na Coruña e interviñeron Fabiola García, conselleira de Política Social da Xunta, e Carmen Colmeiro, presidenta de Cruz Vermella en Galicia, que estiveron acompañadas por Arturo Parrado, director  xeral de Inclusión social, Gonzalo  Trenor, delegado territorial da Xunta na Coruña, e  Martín Fernández Prado, presidente da Autoridade Portuaria da Coruña.

 

Así mesmo, Juan Redondo, responsable de Asilo e Migracións de Cruz Vermella en Galicia, encargouse de mostrar e explicar o funcionamento desta oficina móbil, que está atendida por unha traballadora social e por unha mediadora e intérprete e que percorrerá diferentes localidades galegas durante o próximos tres meses.

 

Por outra banda, tamén se ofrece a posibilidade de que as ucraínas e ucraínos trasladen as súas consultas a través do correo galicia@cruzroja.es ou por teléfono e WhatsApp ao 604 044 018. Ademais, esta semana tamén se habilitará unha web coa información principal e coa opción de solicitar cita previa: ucraina.cruzvermella.gal Estes servizos poderanse utilizar en varios idiomas: español, ucraíno, ruso, inglés e galego.

 

O conflito en Ucraína é a maior emerxencia humanitaria en Europa en décadas. A nosa Organización está a traballar tanto no ámbito internacional como no nacional e máis local. A intervención de Cruz Vermella coas persoas refuxiadas contempla diferentes liñas de actuación co obxectivo de brindarlles o máximo apoio posible e favorecer a súa acollida e integración na nosa comunidade.

Share on linkedin
Share on twitter
Share on facebook
Share on whatsapp
Share on email