Síguenos


‘Volta ao Cole Solidaria’ a favor da infancia en vulnerabilidade social de Galicia

Galicia acollerá os próximos días 3 e 4 de setembro a  XIII edición de ‘A Volta ao Cole Solidaria’. Unha iniciativa impulsada por Fundación Solidariedade  Carrefour e Cruz Vermella que se celebrará a nivel nacional en 205 hipermercados de 47 provincias españolas e dúas cidades autónomas e que promoverá a entrega de material escolar a favor de miles de familias en situación de vulnerabilidade social que están a atravesar serias dificultades para poder facer fronte ao importante gasto que supón o inicio do novo curso escolar. Un escenario, de seu complicado en condicións ordinarias, que se viu agravado por mor da presente crise sanitaria.

 

Consciente diso, Carrefour arrinca de novo esta edición coa doazón directa de 121.000 euros en material escolar. Recursos cos que se estima poder dar cobertura ás necesidades nesta materia de miles de nenas e nenos en situación de vulnerabilidade de toda España, entre eles os da nosa comunidade autónoma. Un punto de partida ao que se sumarán as achegas que realice a cidadanía no marco da presente campaña.

 

Desta forma, quen desexe colaborar poderán facelo nas datas sinaladas en calquera dos 12 hipermercados da Compañía que participan nesta campaña en Galicia e que son os seguintes: na provincia da Coruña, en Carrefour Alfonso Molina, Los Rosales, Oleiros, Coristanco, Ferrol e Santiago de Compostela; na provincia de Lugo, en Carrefour Lugo; na provincia de Ourense, en  Carrefour Ourense, e na provincia de Pontevedra, en  Carrefour Lalín, Pontevedra, Vigo Gran Vía e Vigo Travesía.

 

Trátase dunha iniciativa que ten como obxectivo reducir o gran impacto económico que vai supoñer o inicio do novo curso para miles de familias en situación de vulnerabilidade e contribuír a alcanzar unha educación inclusiva e de calidade en liña co Obxectivo de Desenvolvemento Sostible número 4 (Educación de Calidade). Tamén axudar a empoderar a estes nenos, nenas e adolescentes nunha data tan significativa como é o inicio do curso escolar, por moi atípico que se presente no marco da complexa situación actual.

 

A nivel nacional, máis de 4.500 voluntarios e voluntarias de Cruz Vermella serán os encargados de atender ás persoas que se acheguen aos puntos de recollida situados nos diferentes hipermercados  Carrefour para doar o devandito material escolar (mochilas, cadernos, bolígrafos, lapis,  rotuladores etc.). Posteriormente, as diferentes Asembleas Locais de Cruz Vermella serán as encargadas de distribuír o material escolar doado entre as familias en situación de vulnerabilidade con menores a cargo.

 

Na pasada edición da ‘Volta ao Cole Solidaria’, froito da doazón directa realizada pola Compañía e as achegas realizadas pola cidadanía, Fundación Solidariedade  Carrefour entregou a Cruz Vermella material escolar por valor de 615.330 euros. Importe que serviu para dar cobertura ás necesidades nesta materia de máis de 15.500 nenos e nenas en situación de vulnerabilidade de toda España.