Síguenos


‘Volta ao Cole Solidaria’ a favor da infancia en risco social de Galicia

Galicia acolle hoxe e mañá, 4 e 5 de setembro, a XII edición de ‘A Volta ao Cole Solidaria’. Unha iniciativa a través da que se promove a entrega de material escolar a miles de familias en situación de risco social que están a atravesar serias dificultades para poder facer fronte ao importante gasto que supón o inicio do novo curso escolar. Un escenario, de seu complicado en condicións ordinarias, que se viu agravado por mor da crise socio-económica provocada pola pandemia da COVID-19.

 

Esta campaña está promovida por Fundación Solidaridad Carrefour e Cruz Vermella. No caso da nosa comunidade autónoma celebrarase en 13 hipermercados mentres que a nivel nacional estará nun total de 205 hipermercados de 48 provincias españolas. Carrefour arrinca de novo esta edición coa doazón directa de 121.000 euros en material escolar, recursos cos que se estima poder dar cobertura ás necesidades de miles de nenas e nenos en situación de vulnerabilidade de toda España. Un punto de partida ao que se sumarán as achegas que realicen os cidadáns/ as no marco da presente campaña.

 

As persoas que queiran colaborar, poden achegarse aos hipermercados de Galicia que participan nesta campaña de recollida e que son os seguintes:

  • Provincia da Coruña: Alfonso Molina e Os Rosales (A Coruña), Oleiros, Coristanco, Ferrol, e As Cancelas (Santiago).
  • Provincia de Lugo: Carrefour Lugo.
  • Provincia de Ourense: Carrefour Ourense.
  • Provincia de Pontevedra: Pontevedra, Poio, Lalín, Vigo e Vigo 2.

 

Pódese consultar aquí a listaxe completa de centros participantes: https://www.carrefour.es/grupo-carrefour/fundacion/vuelta-cole-solidaria/

 

Máis de 3.000 voluntarios e voluntarias de Cruz Vermella serán os encargados de atender ás persoas que se dirixan aos puntos de recollida situados nos hipermercados Carrefour para doar material escolar (mochilas, cadernos, bolígrafos, lapis, rotuladores, etc.). Posteriormente, as diferentes Asembleas Locais de Cruz Vermella serán as encargadas de distribuír o material escolar doado, entre as familias en situación de vulnerabilidade con menores a cargo.

 

O obxectivo desta iniciativa é reducir o gran impacto económico que vai supoñer o inicio do novo curso para miles de familias, e contribuír a alcanzar unha educación inclusiva e de calidade en liña co Obxectivo de Desenvolvemento Sostible número 4 (Educación de Calidade) así como axudar a empoderar a nenas, nenos e adolescentes nunha data tan significativa como é o inicio do curso escolar por moi atípico que se presente no marco da complexa situación actual.

 

Na pasada edición da ‘Volta ao Cole Solidaria’, froito da doazón directa realizada pola Compañía e as achegas realizadas pola poboación, Fundación Solidaridad Carrefour entregou a Cruz Vermella material escolar por valor de 566.253 euros, importe que serviu para dar cobertura ás necesidades nesta materia de 14.548 nenos e nenas en situación de vulnerabilidade de toda España.