Síguenos


Vaga de calor: como coidarnos e protexer a persoas maiores, nenas e nenos

Esta semana esperamos as temperaturas máis altas desde que hai rexistros nalgúns puntos do interior de Galicia. Unha vaga de calor que nos pon en alerta xa que debemos coidar ás persoas máis vulnerables: persoas maiores, sobre todo as que viven soas ou son dependentes, persoas con enfermidades crónicas e en tratamento con determinados fármacos, así como nenos e nenas, especialmente menores de 4 anos.

 

En condicións normais, cando fai calor o termostato interno do noso organismo produce suor, que se evapora co fin de refrescar o corpo. Os días de calor intensa obrigan a que o noso corpo faga un esforzo de adaptación para manter a temperatura normal. As altas temperaturas poden ter unha serie de efectos negativos sobre a nosa saúde, como cambras, deshidratación, insolación ou golpe de calor, que son especialmente preocupantes na poboación infantil e nas persoas maiores.

 

Por iso hoxe lembramos unha serie de sinxelas pautas para o día a día, para poder gozar da calor e do verán con máis seguridade.

 

No exterior (na rúa, no campo, etc.)

Recoméndase permanecer na sombra, protexernos do sol (lentes, gorras), hidratarnos con frecuencia e evitar -sempre que sexa posible- a realización de actividades nas horas onde se rexistran as temperaturas máis altas.

No fogar

Debemos permanecer nas estancias máis frescas e baixar persianas, toldos…, para evitar que o sol entre directamente.

No automóbil

Nunca deixar aos nenos/as nin ás persoas maiores no interior dun vehículo pechado. Recoméndase levar líquidos para a hidratación e prestar especial atención aos cambios bruscos de temperatura ao entrar e saír do vehículo.

A nivel persoal

Debemos refrescarnos e hidratarnos de forma continua, usar roupa lixeira e de cores claras e calzado cómodo e fresco.

Nas comidas

Aconséllase realizar comidas lixeiras (froitas, ensaladas, verduras…) e beber líquidos en abundancia (auga, zumes…), sempre que non exista contraindicación médica. Non consumir bebidas con alcol.

Se temos algún problema de saúde

Debemos consultar ao noso médico sobre as medidas suplementarias que debemos adoptar en caso de padecer algunha enfermidade de risco e seguir tomando os medicamentos pautados, pero nunca automedicarnos.

Para expoñerse ao sol

Utilizar protección solar adecuada e aplicala 30 minutos antes de saír de casa, de forma xenerosa; renovala regularmente. Protexer a cabeza e pescozo (gorro, sombreiro) e usar lentes de sol con protección fronte aos raios ultravioleta e radiación azul visible. Evitar o uso de produtos sensibilizantes (perfumes ou cosméticos con alcol).

En piscinas, pozas ou praias, antes de lanzarse á auga

Hai que comprobar a profundidade da zona, lanzarse cos brazos estendidos, tomar precaucións extras en ríos, pantanos e encoros, vixiar aos máis pequenos e evitar consumir alcol e drogas.

 

En calquera caso, se unha persoa se atopa mal pola calor, debe parar a actividade que estea a facer, tentar situarse nun sitio fresco e pedir axuda.

Share on linkedin
Share on twitter
Share on facebook
Share on whatsapp
Share on email