Síguenos


SOBRE CRUZ VERMELLA EN GALICIA

O obxectivo de Cruz Vermella é estar cada vez máis preto das persoas. Traballamos en Galicia desde 1870 e desde entón fómonos adaptando e transformando para dar resposta ás necesidades das persoas máis vulnerables da nosa comunidade, mellorando a súa calidade de vida, autonomía e favorecendo a súa integración social. Ao mesmo tempo, tratamos de implicar á cidadanía nas necesidades da poboación doutros lugares do mundo así como nas emerxencias nacionais e internacionais.

 

Desenvolvemos o noso labor a través de proxectos e actividades centradas nas áreas de Inclusión social, Emprego, Educación, Socorros, Saúde, Medio Ambiente e Cooperación Internacional. Traballamos con infancia, mocidade, persoas maiores, dependentes e coidadoras, mulleres en situación de dificultade, persoas sen fogar, persoas desempregadas, persoas inmigrantes e refuxiadas, persoas con discapacidade, persoas drogodependentes e persoas privadas de liberdade así como con outros colectivos con necesidades específicas.

 

As directrices da nosa actividade recóllense nun Plan de Acción plurianual no que se establecen as prioridades e obxectivos que pretende conseguir o conxunto da Organización en cada período e que é aprobado polo Comité Nacional.

 

Cruz Vermella Galicia é parte da Sociedade Nacional Cruz Vermella Española, que á súa vez é membro da Federación Internacional de Sociedades da Cruz Vermella e da Media Lúa Vermella, que é a maior organización humanitaria do mundo e presta asistencia sen discriminación por razón de nacionalidade, raza, crenzas relixiosas, clase social ou opinión política.

 

Órganos de goberno e dirección. O máximo órgano de goberno da Organización en Galicia é o Comité Autonómico, que está formado por representantes do voluntariado e das persoas socias que son elixidos cada catro anos nun proceso electoral, segundo marcan os Estatutos e o Regulamento Xeral Orgánico de Cruz Vermella Española. Cruz Vermella en Galicia está presidida por Mercedes Casanova Díaz, que actualmente ocupa o cargo de presidenta autonómica; Juan Andrés Ríos Mejuto é vicepresidente primero e Purificación Serrano Caviedes é a vicepresidenta segunda. Ademais, en cada provincia existe un Comité Provincial e na actualidade están presididos por Manuel Viqueira Verea (A Coruña), Luis Abelleira Mayor (Lugo), Felipe Ferreiro Feijoo (Ourense) e Teresa Álvarez Quicler (Pontevedra).

 

Organización territorial. Unha das nosas grandes fortalezas é a nosa rede local. Contamos con asembleas locais e comarcais que traballan en máis de corenta localidades galegas e que son coordinadas polas súas respectivas oficinas provinciais. Tamén dispoñemos de seis bases de salvamento marítimo e de varios centros de diversa índole.

 

Fontes de financiamento. Os nosos recursos proveñen, por unha banda, das achegas que realizan tanto persoas físicas como empresas ou entidades mediante donativos puntuais ou sendo socios así como da venda de boletos do Sorteo de Ouro; por outra banda, da prestación de servizos que se realizan desde diferentes áreas como poida ser a de Formación ou Socorros e, doutra banda, das subvencións e axudas das administracións públicas.

 

A transparencia e a responsabilidade son características da xestión de Cruz Vermella, que se somete a diferentes tipos de auditorías e controis de calidade.

Visión e misión

A NOSA VISIÓN: Cruz Vermella Española, como organización humanitaria e voluntaria arraigada na sociedade, dará respostas integrais ás persoas vulnerables, cunha perspectiva de desenvolvemento humano.

 

A NOSA MISIÓN: estar cada vez máis preto das persoas vulnerables nos ámbitos nacional e internacional, con accións integradas, realizas por voluntariado e cunha ampla participación social.

Os nosos principios

Todas as Sociedades Nacionais de Cruz Vermella e Media Lúa Vermella do mundo compartimos o respecto e a defensa de sete principios fundamentais: