Silverio Barreiro, de 42 anos, celebra este 15 de maio, Día da Familia, coas persoas que para el son os seus referentes de vida: a familia que o acolleu sendo adolescente, xusto cando o programa de acollemento daba os seus primeiros pasos en Galicia, en 1996.
Hoxe vive o seu día a día entre fogóns, xa que como el di é “doante de pracer gastronómico, ou sexa, cociñeiro”, desenvolvendo a súa vida profesional en Tenerife desde hai 21 anos. Mais sempre que pode volve a Ourense a estar coa súa familia, e de cando en vez a colaborar no programa “Larpeiros” da TVG, xa que une os seus dous amores: a cociña e a lingua galega, a súa lingua materna.
Ti es dos primeros nenos que pasaches a vivir cunha familia acolledora. Como lembras ese momento?
Eu nacín nunha familia desestruturada, e vivín nun centro dende os seis anos ata que xa sendo un mozo de 17 xurdiu un programa novo de acollemento familiar, pioneiro naquel momento. Apareceu a oportunidade de vivir en familia e fomos a miñá irmá, de 16 anos, e mais eu.
Como foi a adaptación?
A esas idades é máis complicado, porque ademáis nós levábamos 10 anos vivindo en centro cunhas normas que nada teñen que ver coa forma de vivir dunha familia. Ao principio houbo tensións, éramos 4 adolescentes xuntos… pero eu era consciente de que ou saía ben a convivencia ou xa quedaba só, porque ao cumprir os 18 anos terminaba o acollemento legalmente.
Sabendo que estabas nunha idade na que xa se va definindo o horizonte laboral, que significou profesionalmente?
Naquel momento eu non tiña moita gana nin de traballar nin de estudar, pero coincidencias da vida, o acolledor era cociñeiro, xusto o que eu estaba facendo de formación profesional. Estiven con el tres meses de prácticas nun verán, e logo xa empecei a traballar na costa nas vacacións, para empezar a ter algo de independencia económica.
Que cres que pode supoñer para un neno/a vivir cunha familia acolledora?
Cando un neno ou nena está nun centro el non ten culpa ningunha, e o que precisa é dun referente materno e paterno, dunha familia que lle dea ese coidado, educación e amor incondicional que nun centro non pode ter, por moi bos profesionais que haxa.
Pensaches alguna vez en ser acolledor?
Si, a verdade que si, pero non o fago porque como o vivín, sei que é preciso ter unha situación que neste momento non teño, para que ese neno ou nena non teña carencias. Pero a verdade é que nun acollemento, aínda que haxa dificultades, ao final se o colocas nunha balanza pesan máis as cousas boas.
Despois de tantos anos, qué é para ti a túa familia acolledora?
Chámalle lotería, chámalle milagre, chámalle don… o resultado é que seguimos aí, 23 anos xuntos. Son os meus referentes materno, paterno, os meus irmáns, os meus sobriños… Aínda que legalmente non sexan meus pais porque non hai un papel que o diga, pero a efectos meus si o son, son a miña familia. E animo a todas as familias a acoller, porque non hai nada que perder, todo é gañar. Unha familia non se paga con nada.