O 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, é unha oportunidade para destacar os logros alcanzados en materia de igualdade de xénero e na defensa dos dereitos das mulleres pero tamén o é para lembrar a necesidade de poñer en marcha cambios transformadores, enfoques integrados e novas solucións que rompan as barreiras estruturais que impiden alcanzar unha igualdade real entre mulleres e homes.
Nesta liña, Cruz Vermella Xuventude lanza a campaña Entrelazadas pola sororidade para seguir avanzando na igualdade de xénero, visibilizar ás mulleres e recoñecer o seu papel na sociedade. O obxectivo da iniciativa é dar voz e destacar a necesidade de promover a sororidad e a unión entre mulleres para que existan redes de apoio e solidariedade entre elas a favor da igualdade nun contexto de desigualdade de xénero.
Cruz Vermella Xuventude pretende destacar a situación de desequilibrio e desigualdade que continúan vivindo as mulleres e a necesidade de reforzar a corresponsabilidade xa que continúan percibindo limitacións que deberían eliminarse dentro da evolución social natural, para alcanzar unha sociedade máis equitativa.
No marco desta campaña, Cruz Vermella está a realizar actividades en varias localidades galegas durante estes días nas que participan tanto voluntariado como os equipos técnicos de Cruz Vermella Xuventude e outras áreas da Organización así como persoas usuarias dos nosos proxectos. Haberá charlas, talleres, exposicións e xogos tanto nas propias sedes da Organización como en centros educativos e tamén vía en liña. Se queres coñecer máis en detalle as actividades, atoparás unha relación das mesmas ao final desta noticia.
Máis do 67% das persoas atendidas son mulleres
A desigualdade de xénero está na base da discriminación que sofren as mulleres polo mero feito de selo e maniféstase de múltiples formas: pobreza e exclusión, precariedade laboral, brecha salarial e de pensións, falta de oportunidades ou vulneracións de dereitos, como as agresións sexuais ou a violencia de xénero.
A desigualdade de xénero provoca maiores niveis de pobreza e exclusión social e evidénciase en datos: máis do 67% das persoas atendidas pola organización humanitaria en 2020 son mulleres. Por outra banda, as consecuencias da pandemia causada pola COVID-19 están a afectar a todas as persoas, pero está a ter un maior impacto nas mulleres.
Intervención con mulleres e nenas
No ámbito do emprego, Cruz Vermella traballa desde a mellora das competencias persoais e profesionais das mulleres co fin de aumentar a súa empregabilidade. En 2020, 65.410 mulleres participaron en proxectos de formación e emprego; das mulleres que participaron en Itinerarios de Inserción, o 34% conseguiu un emprego, e o 54% formouse en diferentes ámbitos para a mellora da súa empregabilidade.
Entre as actuacións que leva a cabo a organización humanitaria con mulleres e nenas desde os programas de inclusión, moitas levan implícito o obxectivo de fomentar o seu empoderamento, como os grupos para mulleres vítimas de violencia de xénero que favorecen a súa recuperación emocional, a superación da violencia sufrida e a construción de redes sólidas de apoio mutuo. O apoio a mulleres migrantes busca que estas constrúan as súas propias redes e obteñan ferramentas para o libre exercicio dos seus dereitos.
Outras destas actividades con mulleres son talleres de autodefensa, de autocuidado e sexualidade, formacións en igualdade de oportunidades e para a prevención de violencias machistas, así como actividades de lecer e expresión de emocións dunha forma lúdica.
En total, durante 2020, Cruz Vermella atendeu a máis de 30.000 mulleres en dificultade social. Gran parte deste labor realízase grazas á participación do voluntariado, sendo as 60% mulleres.
A Organización impulsa a perspectiva de xénero para que estea presente na súa política organizacional e nos seus programas e proxectos, o que ademais permite facer máis eficaces as súas intervencións.
ACTIVIDADES
A continuación destacamos algunhas das actividades que se levan a cabo en Galicia no marco da campaña Entrelazadas pola sororidade.
A Coruña. Actividade en liña co grupo de PINEO centrada en afirmacións/preguntas sobre feminismo.
Arzúa. Difusión da campaña na feira local.
Boiro. Sensibilización no IES Praia Barraña.
Sada. Taller de sensibilización no IES Isaac Díaz Pardo.
Santiago de Compostela. Talleres de igualdade no IES Rosalía de Castro; mensaxes pola igualdade co alumnado de INN cos que construirá unha colaxe e coloquio do grupo PINEO sobre as barreiras e desigualdades de xénero que afectan á adolescencia.
Vimianzo. Participación na actividade ( Im)plantemos a igualdade xunto a outras asociacións.
Lugo. Actividades cos nenos e nenas que habitualmente participan nas actividades de Promoción do Éxito Escolar.
Ourense. Exposición con fotografías e reseñas sobre distintos grupos de mulleres que uniron as súas forzas para loitar contra a desigualdade de xénero.
Charlas sobre violencia de xénero no IES Otero Pedrayo.
Fotografía no exterior da asemblea de Cruz Vermella Ourense con todas as mulleres, voluntariado e persoal laboral. Utilizaranse lazos cos que se simbolizará a unión pola sororidad para respectar así a distancia de seguridade.
Actividade con fotografías centradas no emprego, en sectores feminizados que estiveron en primeira liña durante o estado de alarma (supermercados, sanitarios, etc.) que se darán a coñecer en redes sociais.
Valdeorras. Organizouse o Concurso de debuxo Valdeorras “Cruz Vermella, ti e eu traballamos en igualdade” que tamén conta coa colaboración de empresas.
Pontevedra. Actividades e entrega de material con menores de Promoción de Éxito Escolar, familias, CPI Domingo Fontán e Pineo.
Vigo. Actividades e entrega de material con menores de Promoción de Éxito Escolar, IES de Mos, Colexio María Inmaculada Carmelitas, Colexio A nosa Señora da Esperanza e Pineo.
Tamén se elaborou un dossier sobre o 8 M e o significado de sororidad dirixido a persoas maiores de Vigo e Pontevedra. Por outra banda, realizarase outra actividade conxunta chamada Cadea de voces pola sororidad, que consiste na adaptación dunha canción con frases feministas para que despois cada persoa cante unha delas.
Tabeirós. Actividade con menores de Promoción de Éxito Escolar e entrega de material.
Redondela. Actividade con menores de Promoción de Éxito Escolar, persoas maiores e entrega de material. Tamén se organizou un Trivial temático dirixido a persoas maiores.
Baixo Miño. Actividade con menores de Promoción de Éxito Escolar e entrega de material.
Salnés. Actividade con menores de Promoción de Éxito Escolar e entrega de material. Taller de empoderamento coas mulleres que participan en no programa de persoas refuxiadas.
O Condado. Actividade con menores de Promoción de Éxito Escolar, persoas maiores e entrega de material.