Cruz Vermella Galicia formou parte do proxecto europeo ACTIVAGE que se desenvolveu durante máis de tres anos. Os resultados desta experiencia piloto sobre a aplicación do Internet das Cousas ( IoT) para o coidado e envellecemento activo das persoas maiores demostran que os servizos baseados na tecnoloxía melloran a autonomía, liberdade, seguridade e saúde das persoas usuarias.
Os datos obtidos poñen de manifesto o papel crave que xogan as novas tecnoloxías como solución a un dos problemas aos que se enfronta Europa nas próximas décadas: o envellecemento dos seus habitantes. A tecnoloxía non só pode promover un envellecemento activo, senón que pode facelo de forma rendible e eficaz, ao optimizar e desconxestionar de forma intelixente o uso dos servizos sociais.
Estes resultados e conclusións fixéronse aínda máis evidentes durante a crise sanitaria da COVID-19, unha etapa na que o confinamento ou as restricións obrigaron a moitas familias para distanciarse de familiares que podían necesitar dun seguimento ou visitas regulares.
Durante a pandemia, ACTIVAGE asegurou ás usuarias e usuarios europeos asistencia sociosanitaria remota, a adaptación de actividades de aire libre a exercicios no interior, eventos sociais virtuais e contacto constante cos familiares/coidadores, entre outros.
O proxecto contou coa participación de máis de 8.000 usuarios (persoas maiores, familiares, coidadores e profesionais sanitarios) e demostrou unha mellora na súa situación e día a día mediante a análise dos seguintes indicadores de calidade de vida, aceptación da tecnoloxía ou custo-efectividade.
A través de tecnoloxías con IoT, os fogares e dispositivos dos usuarios son capaces de recoller datos de maneira intelixente (e privada), datos que se procesan e traducen a través de diferentes interfaces en tempo real para os propios usuarios, os seus familiares e os seus coidadores.
Contexto e participantes
Participaron 9 rexións de 7 países, entre os que se atopa España con Galicia, Madrid e Valencia. Varias empresas e organizacións de diferentes partes da península sumáronse ao proxecto e no caso de Galicia foron Cruz Vermella, o Servizo Galego de Saúde (Sergas), Televés e a Fundación Tecsos.
A nivel global, o consorcio de ACTIVAGE inclúe a 49 socios de nove países distintos. Industria, organizacións dedicadas á investigación, entidades públicas, universidades e compañías de novas tecnoloxías forman parte deste conglomerado.
Cun investimento total de 25 M€ e enmarcado no programa europeo HORIZON 2020, a meta final de ACTIVAGE é aumentar os anos de vida saudable e autónoma da cidadanía europea, cun impacto positivo na súa calidade de vida, o aforro no sistema de benestar social e a xeración de innovación local.
ACTIVAGE permitiu incrementar a seguridade das persoas maiores en Europa favorecendo o mantemento da súa independencia e participación social, así como reducindo o impacto negativo e a deterioración que implican as enfermidades crónicas.
Podes consultar os resultados concretos nesta ligazón.