Síguenos


Os proxectos de infancia de Cruz Vermella Ourense reciben o apoio de Fundación “la Caixa” e CaixaBank

Un ano máis, Fundación “la Caixa” e CaixaBank únense a Cruz Vermella e reafirman o seu compromiso coa infancia en situación máis vulnerable da provincia de Ourense mediante unha achega de 4.000 euros.

 

Desde os proxectos de infancia de Cruz Vermella Mocidade búscase paliar as consecuencias das carencias económicas das súas familias e mellorar as súas habilidades sociais, persoais e educativas.

 

Felipe Ferreiro, presidente provincial de Cruz Vermella Ourense, trasladou o seu agradecemento a Begoña Abraldes, directora de área de  Caixabank en Ourense, “pola súa sensibilidade neste ano no que as necesidades xurdidas tras a chegada da pandemia seguen sendo unha parte moi importante do noso traballo, pero xa adaptados á nova realidade”.

 

Esta colaboración segue ás realizadas en anos pasados, grazas ás que levaron a cabo actividades especialmente importantes, como os campamentos de verán en Cangas, a entrega de xoguetes novos e educativos, as actividades con infancia hospitalizada no  CHUO, ou o desenvolvemento do proxecto Incorpora do Plan de Emprego de Cruz Vermella.

 

Trátase de accións que teñen un denominador común, que é mellorar a calidade de vida das persoas, tanto se se trata de nenos ou nenas que necesitan apoio para estar en igualdade de oportunidades na súa contorna escolar e social, coma se son mulleres que sufriron violencia que necesitan ser  empoderadas para poder acceder a un emprego e seguir adiante coas súas vidas.

 

“Por iso son tan importantes alianzas como a que mantemos con Fundación “la  Caixa” e  CaixaBank, cuxa complicidade sostida ao longo dos anos e nos momentos de maior dificultade axúdannos a protexer ás persoas máis vulnerables”, afirma Ferreiro.