O Sorteo de Ouro de Cruz Vermella é fundamental para o desenvolvemento de todo o noso labor solidario. Para poder seguir estando en todas partes, e atendendo a todas as persoas vulnerables coa cobertura das súas necesidades básicas, Cruz Vermella volverá celebrar este verán o seu sorteo máis solidario, que é moito máis do que parece: non só se busca o financiamento dos proxectos humanitarios, senón tamén visibilizar o labor que fan as persoas que cada día traballan e esfórzanse por levar a visión do mundo de Cruz Vermella un pouco máis lonxe.
Por iso, este ano a campaña vira ao redor de todo o labor solidario que hai detrás do Sorteo de Ouro, porque o traballo pola igualdade, acollida, protección, benestar, socorro, sustentabilidade, éxito escolar, futuro laboral, compañía ou saúde son ouro. ‘Ouro parece, Cruz Vermella é’ é o lema elixido para a edición deste 2022.
A Organización está en plena campaña da edición 43ª sorteo polo que en Galicia tamén se están desenvolvendo diferentes accións e actividades a través das que convidamos á poboación, empresas e entidades a colaborar con Cruz Vermella e a adquirir boletos.
Do mesmo xeito que o sorteo, o boleto tamén é moito máis do que parece. Cada boleto custa 5 euros e un pode equivaler a unha caixa de primeiros auxilios de produtos básicos para unha persoa; catro (20€) son unha mochila con material escolar para un neno ou nena en dificultade social e doce (60€) son o aloxamento e a atención psicolóxica de emerxencia dun día para unha muller vítima de violencia de xénero.
O deseño dos boletos fíxoo a viñetista e ilustradora Flavita Banana, comprometida con todas estas causas, e quen soubo plasmar sobre o papel o seu compromiso e o de toda a sociedade coas persoas maiores que senten soas, as vítimas de violencia de xénero, os menores sen recursos, as persoas refuxiadas que foxen da guerra ou a violencia no seu país, as familias que non poden acender a calefacción ou ducharse con auga quente, ou os que non teñen as mesmas oportunidades de traballo que o resto por falta de formación, entre outros.
San Cristóbal de la Laguna, en Tenerife, é o lugar no que o 21 de xullo celebrarase este sorteo que reparte máis de 11.700 premios, que superan os 7 millóns de euros en premios, ou o seu contravalor en ouro. Repártense 3 millóns de euros ao primeiro premio; 1 millón de euros ao segundo premio; 500.000 euros ao terceiro premio; 250.000 euros ao cuarto premio; e 100.000 euros ao quinto premio.
Ademais destes 5 primeiros premios principais, repártense miles de premios aos números coincidentes con diferente serie á premiada, ou os coincidentes nas catro últimas cifras con diferentes contías.
As bases e os números premiados poden consultarse na páxina web www.cruzroja.es/sorteodeoro, no número de teléfono 900 100 014, ou enviando un SMS *** ao número 215757 (palabra ORO, espazo, número do boleto, espazo, número de serie).