Por segundo ano, Cruz Vermella e a Xunta de Galicia sacan adiante o proxecto “O teu Xacobeo. O Noso Camiño con Cruz Vermella”. Con esta iniciativa buscouse fomentar a inclusión e a participación activa dos colectivos que atende a Organización: voluntariado, xuventude, persoas maiores, inmigrantes… potenciando o valor do Camiño de Santiago. A iniciativa está promovida e financiada pola Xunta de Galicia e conta cunha aportación de 15.500 euros.
Os participantes, que nesta edición foron máis de 550, percorreron diferentes variantes do Camiño, pasando polos concellos de Pontevedra, Tui, Catoira, Cambados e a Illa de Arousa, entre outros. Foron un total de 14 saídas repartidas entre o 15 de maio e o 25 de setembro de 2021. A última saída fíxose na última fin de semana de setembro e saíron varios autobuses rumbo a Santiago para xuntarse e dar peche á edición.
O proxecto tivo moita aceptación por parte dos participantes: “A saída foi estupenda. Repetiría, gustaríame seguir facendo o camiño, así, por etapas. Ir facendo outros 5 ou 6 km, ata terminar o camiño”, comentaba unha das participantes usuarias do programa de persoas maiores.
Outra das participantes, neste caso do programa de inclusión, facía fincapé nas ganas que tiña de seguir coñecendo a zona, xa que por motivos do COVID-19 esta era a súa primeira saída turística: “A min pareceume unha experiencia realmente marabillosa, xa que eu levo un ano e medio acá, cheguei cando estaba a iniciar a pandemia e esta é a miña primeira saída turística para coñecer das marabillas que ten Vigo e os seus arredores. Estou encantada e espero que me sigan convidando e avisando das actividades que hai”.
O obxectivo destas saídas é potenciar o valor do Camiño de Santiago como unha oportunidade de participación social que promova o valor cultural de Galicia, a través dos hábitos de vida saudables, protexendo o entorno e promovendo espazos de ocio alternativos e interacción social, así como a inclusión dos colectivos vulnerables e o seu acceso aos recursos de ocio, culturais e de patrimonio coma o resto de cidadáns.
Concurso de debuxo
Dentro deste marco, e como actividade para finalizar esta edición, dende a Xunta e Cruz Vermella organizouse un concurso de debuxo para todos os usuarios de Cruz Vermella, co que pretenden dar a coñecer o rico patrimonio que ofrece o Camiño de Santiago.
A temática é o Ano Xacobeo e o Camiño de Santiago e o obxectivo e que os participantes dean a súa visión do Camiño. A técnica artística a empregar é de libre elección e as categorías para participar divídense por rangos de idade: infantil (6-12 anos), xuvenil (13-18 anos) e adultos (maiores de 18 anos). Os gañadores recibirán un obsequio e as obras gañadoras serán publicadas no calendario de Cruz Vermella do próximo ano.
Durante o ano 2019 desenvolveuse a primeira edición deste proxecto, no que participaron 434 persoas pertencentes aos distintos colectivos que atende a organización chegadas dende todas as asembleas comarcais de Cruz Vermella na provincia, igual que na segunda edición: Baixo Miño, O Condado, Vigo, Redondela, O Salnés, Tabeirós-Terra de Montes, Lalín e Pontevedra.
O proxecto tivo unha gran acollida, e realizouse seguindo as pautas e normativas por COVID-19, gardando a distancia social necesaria para no poñer en perigo a ningún dos participantes.
Nesta ligazón podes ver un vídeo coas diferentes actividades do proxecto.