Síguenos


ludieduca dez anos

O programa Ludieduca cumpre dez anos

A Asemblea local de Cruz Vermella en Boiro e a empresa Jealsa renovaron o convenio de colaboración para o desenvolvemento do proxecto Ludieduca, cuxo obxectivo é fomentar a participación na sociedade e a educación en valores dos máis pequenos a través de actividades lúdico-educativas.

 

No marco do seu propósito de contribuír a mellorar a sociedade, Jealsa, a través do seu programa de RSC WESEA, e Cruz Vermella continuarán colaborando no fomento de valores humanos na infancia, un feito que contribúe ao desenvolvemento do individuo e á formación dunha cidadanía comprometida e implicada coa sociedade. O respecto ao diferente, a confianza, a toma de responsabilidades ou a empatía son materias que non se inclúen en ningunha materia, pero que deben traballarse de forma transversal, tanto nas aulas como fóra delas.

 

A este respecto, Margarita Hermo, directora de Relacións Institucionais de Jealsa, manifesta que “o éxito deste programa, polo que xa pasaron máis de 1.300 nenos e nenas, é sen dúbida froito do magnífico labor que os voluntarios e voluntarias de Cruz Vermella de Boiro, xunto ao seu equipo profesional, veñen realizando desde os inicios; un compromiso ao que hai que engadir a implicación dos centros educativos por abrirnos as portas ao proxecto”.

 

A presidenta da Asemblea local de Cruz Vermella en Boiro, Rosa Abuín, subliñou durante a firma de renovación do convenio que tivo lugar a principios de xuño, pola súa banda, que “se non fóra pola colaboración de Jealsa non poderiamos estender o programa e cumprir dez anos, así que estamos moi agradecidas non só pola colaboración, senón pola implicación que teñen no mesmo”.

 

O proxecto Ludieduca naceu no ano 2012 como experiencia piloto da Asemblea de Cruz Vermella en Boiro e, grazas á colaboración de Jealsa, na actualidade realízase en oito centros de Educación Infantil e Primaria de Pobra do Caramiñal e Boiro. Na aula, os nenos e nenas en idades comprendidas entre os 8 e os 9 anos traballan temáticas diversas como a igualdade, a integración de persoas inmigrantes, a alimentación e os hábitos de vida saudables ou o medio ambiente, entre outros. Ademais, desenvólvense actividades de lecer e tempo libre fora do centro educativo.

 

Co obxectivo de poñer en valor os dez anos de desenvolvemento do programa, Jealsa e Cruz Vermella celebraron o pasado 16 de xuño un evento de fin de curso especial para os 205 nenos que formaron parte do proxecto, contando ademais coa participación de antigos alumnos de Ludieduca, hoxe xa universitarios, profesores ou membros da sede local e provincial da Organización humanitaria.

 

ludieduca diez años

Share on linkedin
Share on twitter
Share on facebook
Share on whatsapp
Share on email