Ao longo dos séculos no mundo producíronse importantes movementos de poboación xerados principalmente por conflitos armados, a violencia xeneralizada, as violacións dos dereitos humanos ou as catástrofes naturais. Persoas individuais ou familias enteiras cuxas vidas están en perigo e que tiveron que fuxir da pobreza, da miseria e das situacións complicadas dos seus países de orixe. Ademais, nos últimos anos, o actual contexto internacional con conflitos como o de Ucraína, de Siria ou de países de África ou Latinoamérica, fixo que se produza un importante incremento dos fluxos migratorios. No ano 2022, no conxunto da Unión Europea rexistráronse 963.067 solicitudes de protección internacional, fronte ás 630.630 do ano anterior. Os tres principais países onde se solicitou asilo foron Alemaña, con 243.835; Francia, con 156.455; e España, con 118.842. A esta cifra hai que sumar as máis de 161.037 persoas procedentes de Ucraína que obtiveron protección temporal en España.
Baixo este contexto, os países deben garantir a protección e o respecto dos dereitos básicos, ademais de proporcionarlles a axuda humanitaria necesaria para a integración e a defensa das persoas nos países de acollida. No caso de España, e en coherencia co cumprimento do seu principio inherente de Humanidade, hai máis de 30 anos que Cruz Vermella forma parte do sistema estatal de acollida e integración, coordinado pola Secretaría de Estado de Migracións, dependente do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións. En concreto, a Organización ten en funcionamento a nivel estatal o Programa de Acollida de Solicitantes e Beneficiarios de Protección Internacional, que en Galicia comezou a desenvolverse no ano 2015 en Lugo.
Obxectivos do Programa
O obxectivo principal da intervención que se realiza desde Cruz Vermella é ofrecer un apoio integral e multidisciplinar ás persoas solicitantes e beneficiarias de protección internacional, de maneira que consigan unha integración plena na sociedade de acollida. “O programa vira ao redor de cinco eixos fundamentais: cubrir necesidades básicas, como a información nun idioma que poidan entender, a manutención, a seguridade ou a saúde, entre outros; fortalecer a saúde mental das persoas atendidas, xa que hai que ter en conta as diferenzas de necesidades entre homes e mulleres. Ademais, traballamos para prestarlles unha asistencia xurídica que garante o exercicio igualitario do dereito á Protección Internacional (PI) e tratamos de reforzar as súas competencias e habilidades para fomentar a súa autonomía persoal. Por último, promovemos a actividade voluntaria, a vida asociativa, así como a súa participación en actividades de lecer e tempo libre, co obxectivo de aumentar a súa rede de apoio”, explica Juan Redondo, responsable do Programa de Acollida de Solicitantes e Beneficiarios de Protección Internacional en Cruz Vermella en Galicia.
E como se realiza? A partir da chegada das persoas aos diferentes puntos da xeografía galega, Cruz Vermella pon en marcha un itinerario personalizado de inserción socio laboral que permita cubrir todos os eixos a través de tres fases coas que se pretende que as persoas poidan chegar a ser autónomas e contar cos seus propios recursos e medios económicos. En concreto, a intervención ten unha duración aproximada de entre 18 e 24 meses e nela vanse ofrecendo todos os servizos de apoio de maneira graduada e constante.
“A primeira fase consiste na acollida dos destinatarios, na que realizamos unha valoración previa e proporcionámoslles aloxamento, apoio en xestións coa administración ou bancos, entre outros, e necesidades básicas. Na segunda fase orientamos a nosa intervención para apoiarlles na adquisición de habilidades que lles faciliten a súa integración na comunidade, ademais de proporcionarlles os elementos básicos para normalizar a súa situación. E na terceira fase, as persoas independízanse dos recursos de Cruz Vermella e comezan unha vida máis autónoma, continuando coa procura de emprego”, detalla Juan Redondo.
O Programa en Galicia
Na actualidade, Cruz Vermella ten implantando o Programa de Acollida de Solicitantes e Beneficiarios de Protección Internacional nas catro provincias galegas, con presenza na Coruña, Lugo, Ourense, O Barco de Valdeorras, Pontevedra e Vigo.
A Organización Humanitaria dispón de 72 prazas de primeira acollida, que se corresponden coa primeira fase do programa, distribuídas en tres centros. Para a segunda fase, Cruz Vermella conta en Galicia con 244 prazas de acollida temporal repartidas en 23 dispositivos (21 pisos e dous centros).
A sensibilización, outro punto crave para favorecer a integración
Cruz Vermella, ademais de prestar asistencia e atención social ás persoas migrantes e refuxiadas de España, conta co portal www.migrar.org que proporciona un servizo de asesoría legal gratuíta online sobre cuestións migratorias.
Por último, a Organización Humanitaria traballa para visibilizar as dificultades ás que se enfrontan as persoas que teñen que deixar os seus países de orixe, familias e medios de vida ao iniciar un proxecto migratorio, poñendo en valor aquelas capacidades que traen e achegan á nosa sociedade. E é que para moitas persoas, a migración permitiulles vivir vidas seguras e dignas, así como facer contribucións económicas, sociais e culturais tanto nos seus países de orixe como de destino. Tamén levan a cabo acciones para dar a coñecer maneiras nas que todas as persoas podemos contribuír á súa integración.