Síguenos


O Plan de Emprego de Cruz Vermella dá resposta a máis de dúas mil persoas na provincia da Coruña

Un total de 620 persoas atopou traballo no que vai de ano grazas ás máis de 1.500 alianzas xeradas con empresas no marco do Plan de Emprego de Cruz Vermella. A través desta colaboración, a Asemblea Provincial de Cruz Vermella na Coruña respondeu á demanda de 2.027 persoas en situación de desemprego ofrecendo formación e capacitación profesional para a súa inserción laboral.

 

“Non hai igualdade de oportunidades se non existe unha posibilidade real de acceder ao mercado laboral”, subliñou a presidenta provincial de Cruz Vermella na Coruña, Mercedes Casanova, durante o acto de recoñecemento a empresas organizado na Cidade da Cultura. É por iso que, engadiu, “a través do Plan de Emprego de Cruz Vermella, tratamos de incrementar a empregabilidade das persoas en situación de vulnerabilidade ofrecéndolles cursos de formación que impulsen a súa capacitación profesional e dean resposta á demanda do tecido produtivo”.

 

Neste sentido, Casanova agradeceu a colaboración das máis de seiscentas empresas que, ao longo de 2022, sumáronse ao Plan de Emprego de Cruz Vermella na Coruña a través de proxectos como Reto Social Empresarial e de alianzas en materia de formación, prácticas profesionais, cesión de instalacións, asesoramento e ata mentorización de persoas en procesos de capacitación. “Sen o voso apoio non sería posible avanzar no desenvolvemento, tanto profesional como persoal, das persoas que, por unhas ou outras circunstancias, enfróntanse a situacións complicadas no seu día a día. Un apoio esencial para xerar talento e oportunidades mesmo nos momentos máis difíciles”, concluíu a presidenta provincial dando paso á entrega de diplomas, que contou ademais coa participación dos presidentes das asembleas de Cruz Vermella en Santiago de Compostela e Ferrol, José Luis Barreiro e Carmen Fernández Corral, respectivamente.

 

Reto Social Empresarial

 

Enmarcado no Plan de Emprego de Cruz Vermella, a iniciativa ‘Reto Social Empresarial: Alianzas para a inserción laboral’ convida ás empresas a implicarse na xeración de sinerxías que promovan a mellora da empregabilidade e as oportunidades laborais das persoas en risco de exclusión. Conta co financiamento do Fondo Social Europeo e do Goberno de España a través de Programa Operativo Inclusión Social e Economía Social (POISES).

 

Share on linkedin
Share on twitter
Share on facebook
Share on whatsapp
Share on email