A intervención en casos de desaparicións ou intentos de suicidio foron algúns dos temas que se abordaron durante a Xornada Autonómica do Equipo de Resposta Inmediata en Emerxencias (ERIE) de Galicia.
A finalidade deste encontro, que se celebrou o sábado 19 de outubro en Ourense, é que os membros deste equipo amplíen a súa formación e realicen actividades grupais. O programa organizouse en varias partes para profundar en temáticas diversas.
Que facer ante un aviso por suicidio? Julián Pastor Sierra e Anabel Macías, do ERIE Psicosocial de Cruz Vermella Madrid, centráronse na intervención en intentos autolíticos e os compoñentes que rodean este tipo de sucesos. O obxectivo era orientar a nosa intervención para mellorar a resposta que se ofrece ás persoas afectadas. Estar preparados para as preguntas dos familiares resulta clave para axudarlles a xestionar as súas emocións neses momentos.
Como actuar cando se produce unha desaparición? Wenceslao Yáñez, coordinador de SOS Desaparecidos en Galicia, foi o encargado de dar algunhas claves. Falou da actividade que desenvolven desde a súa entidade e do asesoramento que prestan ás familias das persoas desaparecidas. Destacou a relevancia dunha adecuada transmisión da información e das dificultades coas que ás veces se topan os familiares nos momentos nos que non hai ningún achado ou pistas relevantes.
En que casos intervén o GIPCE? Ana Núñez, coordinadora do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias, explicou os seus protocolos de actuación, os mecanismos de activación e a coordinación con outras entidades. Neste sentido, púxose en valor a importancia do coñecemento mutuo e colaboración dos equipos ERIE e GIPCE xa que é habitual que teñan que intervir nos mesmos escenarios.
Que pode facer un equipo para afrontar mellor os retos? Aquilino Lousa, psicólogo e formador, preparou unha sesión dinámica centrada na importancia do traballo en equipo para ser máis eficaces. A motivación e a actitude son determinantes para cumprir obxectivos. Por outra banda, contamos con José Ramón Delgado, responsable de Emerxencias de Cruz Vermella Española, que profundou nas liñas estratéxicas na intervención a nivel nacional así como na actualización de protocolos e procedementos internos.