A provincia de Ourense conta cunha poboación envellecida e dispersa xeograficamente, características que fan aínda máis importante o labor do voluntariado das asembleas comarcais de Cruz Vermella. Igualmente é fundamental o apoio recibido por parte da administración pública máis próxima ás persoas: os concellos; así como a coordinación cos servizos sociais e outros axentes da contorna.
O convenio de colaboración do Concello de Xinzo de Limia, a través do que a organización humanitaria recibe 5.000 euros, contribúe á estabilidade da estrutura que permite o desenvolvemento das actividades e das diferentes axudas destinadas ás persoas máis vulnerables.
Dende a proximidade é a única forma de poder atender as necesidades do rural, tanto da xente maior que precisa acompañamentos ao médico ou actividades de lecer para fomentar as relacións sociais, evitar o illamento e manterse en activo, como para a xente nova e a infancia, que poden precisar apoio educativo, e cobertura de necesidades básicas.
Así, no que vai de ano achegámonos a unhas cifras significativas de arredor de 680 persoas atendidas, máis de 500 participantes en actividades de entorno e preto de 4.000 intervencións/respostas ofrecidas.
Desta forma, aunamos vontades e capacidades co único fin de mellorar a vida das persoas en situación vulnerable, na súa propia contorna e dende unha atención o máis integral posible.