Síguenos


Programa Acompañámoste

O Concello de Lugo e Cruz Vermella renovan o programa Acompañámoste

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada da edil de Benestar, Olga López, e o presidente da Cruz Vermella en Lugo, Luis Abelleira, anunciou hoxe a renovación do programa Acompañámoste de atención ás persoas maiores que viven en soidade non desexada, posto en marcha polo executivo municipal en 2020, co inicio da pandemia, para dar apoio a este colectivo. Subliñou que “reforzaremos este servizo co obxectivo de reducir o sentimento de soidade e o illamento involuntario que nalgúns casos sofren as persoas maiores”.

 

Dado o bo resultado obtido, logrando que as e os usuarios contactados mellorasen e afianzasen a súa rede social, decidimos continuar co programa, incluíndo novidades para facelo aínda máis efectivo, como a creación dun punto fixo no centro interxeracional Paco Martín, no que dúas técnicas atenderán a todas e todos os usuarios e realizarán un seguimento directo de cada caso nestas instalacións”, explicou a rexedora, quen lembrou que a iniciativa é promovida pola concellería de Benestar Social da man da Cruz Vermella. Este espazo, situado no Paco Martín, funcionará de luns a venres en horario de 11:00 a 13:00 horas.

 

Lara Méndez avanzou que “a nova edición do programa comezará cunha campaña divulgativa e de sensibilización entre a cidadanía lucense”. Deste xeito, a primeira fase incluirá unha pegada de carteis e reparto de trípticos entre a poboación, co obxectivo de dar a coñecer este servizo gratuíto e solicitar, así mesmo, colaboración cidadá para detectar posibles casos de illamento e soidade non desexada. Neste senso, ponse a disposición dos veciños e veciñas o teléfono 663 730 010 e o enderezo electrónico acompanamoste.benestar@lugo.gal, canles a través das que poderán contactar directamente co servizo.

 

Así mesmo, realizaranse charlas informativas e grupos de discusión para abordar temas como o envellecemento activo, edadismo ou a solidaridade interxeracional. “Cos datos recabados entre a poboación e os propios usuarios que mostren o seu interese neste programa, estudarase cada caso concreto e levarase a cabo a derivación de posibles beneficiarios do proxecto ao equipo”, explicaba.

 

O equipo Acompañámoste estará formado por unha traballadora social, unha educadora social e un coordinador, que estarán en permanente contacto cos técnicos municipais (animadores socioculturais; traballadores/as e educadores/as sociais das diferentes UTS, Unidades de Traballo Social, etc.).

 

A segunda fase comprenderá a intervención propiamente dita, coa elaboración de entrevistas aos usuarios e usuarias e visitas domiciliarias para realizar un diagnóstico co que deseñar un IPI (itinerario personalizado de inserción), ao tempo que se promoverá a súa participación en actividades socio culturais municipais. “A partir da acollida e avaliación da situación persoal, deséñase consensuadamente coa persoa usuaria un plan personalizado de intervención, dentro do cal se poden incluír intervencións en varios proxectos diferentes e tamén derivacións a recursos externos”, explicou a concelleira.

 

Finalmente, haberá unha terceira fase na que se elaborará unha memoria do proxecto e un informe de resultados. Olga López apuntou que “en Lugo viven máis de 21.000 persoas maiores de 65 anos que se viron especialmente afectadas pola crise sanitaria e social derivada da pandemia e do confinamento e as restricións impostas, véndose notablemente limitada a súa capacidade de relacionarse, agravando situacións xa existentes de illamento e xerando outras novas que non existían dada a restrición drástica e sobrevinda das saídas do domicilio, acoutando moitísimo as posibilidades de relación”.

 

Todo iso supuxo un incremento do sentimento de soidade, ademais doutras consecuencias emocionais, que buscamos combater coa posta en marcha deste proxecto”, explicou, ao tempo que engadiu que “precisamos da implicación da contorna social das persoas: os veciños e veciñas, os comercios, farmacias, as persoas voluntarias e outras organizacións, para detectar estas situacións e, dun modo sensible e respectando ao máximo a privacidade dos maiores, poder transmitirlles que a súa contorna preocúpase por eles”.

 

Así, contribuímos ao mantemento das persoas maiores no seu domicilio o maior tempo posible, motivando que o desenvolvemento social, sexa un piar de clave na mellora da súa calidade de vida, durante o proceso de envellecemento”, concluíu a edil.

 

Resumo do contido do programa

A soidade non desexada pode ter un impacto terrible na calidade de vida xeral, o estado de ánimo e en suma a calidade de vida das persoas maiores, podendo ser causa de problemas que van desde desordenes do soño, fatiga, carencias nutricionais e outras patoloxías.

 

Durante a vellez prodúcense ademais procesos de perdida, que provocan dificultades de adaptación á situación sobrevinda e incrementan a sensación de desamparo e illamento. A situación que estamos a padecer coa pandemia provocada pola Covid-19 e o medo ante a gravidade dos seus efectos coas persoas maiores, non fixo senón agravar esta realidade.

 

Ante esta situación, o programa Acompañámoste aborda a situación das persoas maiores que están en situación de soidade non desexada e ás que esta situación provoca obxectivamente un desamparo e subxectivamente a sensación de non ser cidadáns relevantes aos que coidar e protexer. Empoderando ás persoas, articulando á comunidade e sensibilizando á cidadanía, facilitando o compromiso no fomento das relacións de benestar e apoio, minimizamos as situacións de soidade das persoas maiores.

 

Liñas de actuación

O programa Acompañámoste persegue romper con esta situación de illamento e soidade, a través do reforzo e fortalecemento da rede social da persoa maior usuaria. Para logralo, basease en catro liñas de actuación fundamentais:

  • Dar a coñecer o mesmo á contorna social, buscando a implicación de todos os axentes sociais de cada barrio no interese polas persoas que poden vivir soas e en situación de desamparo, e informándoas que todos poden ter un papel en axudar aos demais.
  • Contactar coas persoas potencialmente necesitadas de axuda, e partindo dunha análise pormenorizada das súas rutinas diarias, contactos sociais e familiares, que permita realizar un plan individualizado de intervención para posibilitar paliar a súa situación de soidade non desexada.
  • Actividades dirixidas á adquisición e fortalecemento de competencias relacionadas coa mellora da rede social, accións de apoio necesarias para a redución do illamento e fomento da participación da persoa maior na mellora do seu problema.
  • Establecer vínculos entre a persoa e a súa contorna máis próxima, facilitando a súa relación (v en caso necesario, a súa actividade) coas tendas, farmacia, centro de servizos sociais, centro de saúde de referencia, etc.
Share on linkedin
Share on twitter
Share on facebook
Share on whatsapp
Share on email