A provincia de Ourense conta cunha poboación envellecida e dispersa xeograficamente, características que fan aínda máis importante o labor do voluntariado das asembleas comarcais de Cruz Vermella. Dende a proximidade é a única forma de poder atender as necesidades do rural, tanto da xente maior que precisa acompañamentos ao médico ou actividades de lecer para fomentar as relacións sociais, evitar o illamento e manterse en activo, como para a xente nova e a infancia, que poden precisar apoio educativo ou de cobertura de necesidades básicas.
Este traballo interdisciplinar lévase a cabo en coordinación cos servizos sociais así como con outros axentes da contorna, polo que é fundamental o apoio recibido por parte da administración pública máis próxima ás persoas: os concellos.
Neste sentido, destacamos os distintos convenios de colaboración existentes co Concello do Barco de Valdeorras, o Concello do Carballiño, o Concello de Ribadavia, o Concello de Celanova, o Concello da Gudiña, o Concello de Xinzo de Limia, así como coa Mancomunidade de Monterrei. Estes acordos implican aportacións económicas que dan estabilidade á estrutura que permite o desenvolvemento de actividades e/ou aportan diferentes axudas destinadas ás persoas máis vulnerables. Pero tamén hai outras formas de colaboración que se materializan a través da cesión de espazos dun xeito permanente, coma no caso do Concello de Maceda, A Gudiña e O Barco; ou de xeito puntual para desenvolver actividades determinadas, ou para as diferentes intervencións que implica a atención ás persoas usuarias.
Desta forma, aunamos vontades e capacidades co único fin de mellorar a vida das persoas en situación vulnerable, na súa propia contorna e dende unha atención o máis integral posible.
Así, a pouco de rematar o ano, achegámonos a unhas cifras significativas de máis de 4.400 persoas atendidas e máis de 26.600 intervencións/respostas ofrecidas.
O desglose de persoas atendidas en cada unha das asembleas comarcais a 10 de novembro de 2022 é o seguinte: 420 en Terras de Celanova, 590 no Carballiño, 510 en Viana-Conso-Frieiras, 430 en Maceda, 1070 no Barco de Valdeorras, 240 no Ribeiro, 260 en Xinzo de Limia e 920 en Monterrei.