Síguenos


Nova sede de Cruz Vermella na Limia

Cruz Vermella conta cunha nova sede para a súa Asemblea Comarcal na Limia que está situada nas galerías comerciais Multicentro da Rúa Río Arnoia (número 14, local 15). As novas instalacións facilitarán o labor do voluntariado para atender as necesidades das persoas máis vulnerables da comarca, converténdose nun espazo de convivencia, tolerancia e inclusión.

 

Trátase dun local cedido polo Concello de Xinzo, cuxa entrega oficial de chaves tivo lugar este luns 22 de marzo por parte da súa alcaldesa, Elvira Lama, ao presidente provincial de Cruz Vermella, Felipe Ferreiro, e ao presidente comarcal, Guillermo Gil. Na visita á nova sede estiveron acompañados tamén por outros membros da corporación municipal.

 

Elvira Lama afirmou que “Cruz Vermella fai sempre e en todas partes un traballo impagable e imprescindible, pero agora o é moito máis debido á crise socioeconómica derivada da pandemia”, remarcando que “neste goberno van atopar sempre apoio e colaboración, por iso é polo que non vacilásemos nin un só segundo á hora de decidir a cesión deste local”.

 

Ferreiro sinalou que “a nova localización e instalacións favorecerán unha mellor resposta ás necesidades da comunidade e ao desenvolvemento dos proxectos sociais e é un exemplo da aposta da organización por asumir novos retos para seguir sendo fieis ao noso lema, Cada vez máis preto das persoas”. Ademais, agradeceu especialmente a Lama a súa colaboración, que se suma ao apoio do resto de administracións públicas e ás achegas das persoas socias ou colaboradoras. “Un recoñecemento especial é para o voluntariado e Comité Comarcal da institución, polo seu traballo diario e implicación, aínda maior desde a chegada da pandemia”, apuntou.

 

Desta forma ábrese unha nova etapa de traballo na Limia, marcada pola resposta fronte á COVID-19 a través do Plan Cruz Vermella Responde, así como pola contribución para alcanzar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, a Axenda 2030, desde os distintos proxectos da Institución.