Síguenos


enredando tour amtega

Nova edición de “Enredando Tour” da man de Cruz Vermella e a Amtega

Reducir a fenda dixital entre a poboación á que atende Cruz Vermella en Galicia é o obxectivo do proxecto “Enredando”, que comezou no ano 2020 para evitar procesos de exclusión social por motivos económicos, de xénero, de idade, nivel educativo ou zona de residencia, entre outros. Baixo este proxecto, a Organización Humanitaria e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) poñen en marcha unha nova edición de “Enredando Tour”, que percorrerá un total de 20 localidades galegas entre os meses de xullo e setembro de 2023.

 

Esta actividade está organizada por Cruz Vermella no marco do Convenio de colaboración coa Amtega para a execución do programa formativo itinerante en competencias dixitais. Nesta ocasión, está especialmente dirixida a persoas maiores de 55 anos (aínda que aberta a calquera persoa que queira participar), ás que se apoiará para que aprendan conceptos básicos do uso das tecnoloxías, así como para derrubar os temores e inseguridades que poidan ter respecto diso.

 

Obradoiros de capacitación dixital e menús formativos

Mediante unha furgoneta superequipada ofreceranse contidos formativos vinculados ás novas tecnoloxías. Nela transportaranse os smartphones, portátiles, tabletas… e todo tipo de accesorios para facilitar ese achegamento á realidade da tecnoloxía máis doméstica e presente en multitude de áreas da nosa vida cotiá.

 

En cada unha das localidades onde recale o circuíto, instalarase a furgoneta en horario de 10 a 14 horas e organizaranse varios obradoiros relacionados cos menús existentes. Cada persoa participante poderá “pedir” formarse nun ou varios contidos de cada menú. O primordial é que a persoa decida que quere aprender e en que medida quere que Cruz Vermella lle acompañe na súa capacitación dixital. Neste espazo, situado en prazas ou espazos públicos, as persoas que participen poderán trastear con dispositivos tecnolóxicos mentres “degustan” os catro menús formativos que Cruz Vermella e a Amtega prepararon:

 

  1. “Vivo non mundo analóxico, rapaza”: menú básico para comezar a “enredar” en Internet.
  2. “E ti… de quen vés sendo?”: para saber que é e como funciona a mensaxería instantánea.
  3. “Dixitalízate, ho”: para aprender como se pode acceder ao Sergas, facer a compra por Internet e, en xeral, como xestionar o máis cotián.
  4. “Menú: divírtete e aprende”: para coñecer utilidades e aplicacións prácticas en Internet.

 

No espazo das formacións daráselles o apoio dixital que necesiten e se quedan con dúbidas ou queren realizar algunha consulta adicional, teñen a opción de recibir asesoramento a través da páxina enredando.gal

 

Percorrido por 20 localidades galegas

O tour comeza na Coruña o próximo xoives 13 de xullo e continuará por un total de 20 localidades galegas de Lugo, Ourense e Pontevedra ao longo dos próximos meses. As persoas interesadas en participar nas actividades de “Enredando Tour” poden chamar ao teléfono gratuíto 900 825 030 ou escribir un correo electrónico a galicia@cruzroja.es.

Share on linkedin
Share on twitter
Share on facebook
Share on whatsapp
Share on email