Síguenos


Nova edición de “Cafés con cooperantes” para achegar á cidadanía o traballo en países en conflito ou en vías de desenvolvemento

Cruz Vermella quere achegar o mundo da cooperación internacional á poboación galega e, para iso, vai poñer en marcha unha nova edición dos “Cafés con cooperantes”. Trátase dun ciclo de faladoiros con persoas delegadas e voluntarias da Organización Humanitaria que realizan o seu labor en países que sufriron desastres, conflitos ou reciben cooperación ao desenvolvemento. Cada unha das persoas falará do súa día a día, das misións que levan a cabo e das situacións coas que se atopan, con todas aquelas persoas que queiran compartir con elas unha charla e un café. Os faladoiros realizaranse en diferentes cidades de Galicia, nunha edición que se vai a estender ata a próxima primavera e que está especialmente dirixida a persoas voluntarias, socias e persoal laboral de Cruz Vermella.

 

A cooperación internacional é un compoñente fundamental da acción da Organización Humanitaria e a súa finalidade é contribuír a mellorar a vida das persoas e comunidades en situación de vulnerabilidade fora do país.

 

Neste sentido, os obxectivos desta iniciativa son varios: en primeiro lugar, falar da importancia da cooperación como ferramenta de axuda efectiva; en segundo lugar, dar a coñecer o labor de Cruz Vermella no ámbito da cooperación internacional e coñecer máis en detalle os proxectos que se están desenvolvendo en diferentes partes do mundo; por último, achegar a figura das persoas que están en terreo á poboación en xeral de Galicia. En definitiva, é unha oportunidade para escoitar e aprender directamente das persoas expertas en cooperación e intercambiar experiencias e coñecementos con elas.

 

Sesións programadas

A primeira das sesións celebrarase o vindeiro martes, 28 de novembro, ás 18:00 horas. A cita será na sede de Afundación de Ferrol, coa xornalista e traballadora humanitaria Beatriz Garlaschi. A partir do mes de decembro, e ata maio, os “Cafés con cooperantes” percorrerán Pontevedra, Lugo, Santiago de Compostela, Vigo, Ourense e A Coruña, con relatores aínda confirmar.