Síguenos


Mesa de diálogo empresarial sobre emprego verde en Ourense

O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolleu a mesa de diálogo empresarial “Emprego Verde, un Reto de Futuro”. Promovida desde o Plan de Emprego de Cruz Vermella en Ourense, a mesa foi dinamizada e coordinada por Andrés Mazaira Castro, profesor da Universidade de Vigo e coordinador do Observatorio Económico Ourensán. Foi presentada por Felipe Ferreiro, presidente provincial de Cruz Vermella, e contou coa participación das seguintes empresas: Grupo Valtalia, Formato Verde, Viaqua, Solgaleo e Utramic-Xestor de Residuos Sólidos.

 

O obxectivo da mesa era ter unha visión global de cal é a situación actual da economía circular e o emprego verde, e como dita situación pode afectar e mellorar a inserción laboral das persoas coas que traballa Cruz Vermella nos distintos proxectos do Plan de Emprego. Desta forma a organización humanitaria poderá identificar novas accións formativas específicas que aumentarán as posibilidades e oportunidades de acceder a un emprego das persoas que están neste momento afastadas do mercado laboral. Para iso é necesario coñecer os cambios produtivos no sector, así como os procesos de dixitalización e automatización que se están producindo, o estado actual e o futuro das enerxías renovables en Ourense (biomasa, reciclaxe e recuperación, eólica, xeotérmica, hidráulica, fotovoltaica, etc.).

 

A reunión de hoxe supón unha importante colaboración das empresas co Plan de Emprego de Cruz Vermella e forma parte tamén do compromiso da Institución co medio ambiente, coa sustentabilidade e coas persoas vulnerables, especialmente aquelas afectadas pola pobreza enerxética. Cruz Vermella é unha organización social que aposta por medir e rexistrar a pegada de carbono que xera e tomar medidas para minimizar o impacto ambiental, así como por compensar as súas emisións de dióxido de carbono con accións de reforestación a través da estratexia + CO( mpensa)2, cuxo obxectivo é alcanzar a neutralidade climática en 2030, contribuíndo ao logro dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible que apostan pola alianza polo clima.

 

A Mesa de Diálogo enmárcase no proxecto Reto Social Empresarial en materia de inserción laboral: Alianzas, que conta co financiamento do Goberno de España e do Fondo Social Europeo a través do Programa Operativo de Inclusión Social e Economía Social POISES.

 

Share on linkedin
Share on twitter
Share on facebook
Share on whatsapp
Share on email