Síguenos


Máis de 450 empresas colaboran co Plan de Emprego de Cruz Vermella en Pontevedra

Pontevedra e Vigo acolleron a pasada semana o acto de recoñecemento ás entidades colaboradoras co Plan de Emprego de Cruz Vermella na provincia. Preto de 70 empresas (unha trintena en Pontevedra e unhas 40 en Vigo) participaron en sendos eventos, que comezaron cun saúdo institucional e unha presentación de resultados do Plan de Emprego neste ano. As persoas asistentes tamén puideron gozar do relatorio de Fernando Clemente “Os cambios na forma de recrutamento e volta á importancia da RSC”. Para terminar, recibiron un diploma de recoñecemento co que se pretende resaltar o labor do tecido empresarial na construción dunha sociedade máis xusta.

 

Durante este ano, colaboraron con Cruz Vermella en toda a provincia de Pontevedra máis de 450 empresas de tódolos tamaños e sectores tan diversos como a hostaleira, a industria , o comercio ou a atención ás persoas. Isto permitiu atender a 1.264 persoas no Plan de Emprego en toda a provincia, a través das Asembleas Comarcais de Pontevedra, O Salnés, Vigo e O Condado, das que máis de 800 lograron acceder a un posto de traballo, o que supón unha taxa de inserción do 65 %. O mérito, ademais do esforzo dos propios participantes, é compartido coas empresas que os acolle en prácticas, imparten formación ou contactan co equipo de Cruz Vermella cando precisan contratar algún novo empregado. Desta maneira, as empresas conseguen traballadores cualificados que demostraron as súas capacidades, o tempo que contratan xente o máis necesita.

 

O Plan de Emprego de Cruz Vermella conta co apoio das administracións públicas a través dos programas operativos de emprego, POISES e POEX, financiados polo Ministerio de Traballo e Economía Social e o Fondo Social Europeo.