Síguenos


Mariví Núñez, nova presidenta comarcal de Cruz Vermella en Valdeorras

Cruz Vermella en Valdeorras conta con  Mariví Núñez como nova presidenta comarcal, que comeza esta etapa despois dunha longa traxectoria como voluntaria e vicepresidenta na mesma asemblea.

 

A toma de posesión tivo lugar este martes na sede de Cruz Vermella no  Barco de Valdeorras, onde Felipe Ferreiro, presidente provincial de Ourense, nomeou a María Vitoria Núñez presidenta comarcal. O acto contou coa presenza de Sofía García- Iturri, secretaria provincial, e Maximino Alonso, presidente saínte.

 

Mino Alonso, presidente no últimos dez anos, entregaba a testemuña á súa ata o de agora vicepresidenta. Dez anos que foron cruciais para o crecemento da Asemblea, a súa nova localización en casa Río  Cigüeño, e para o desenvolvemento dos proxectos sociais nunha comarca sempre xenerosa e solidaria.

 

María Vitoria Núñez, máis coñecida como  Mariví Núñez, é enfermeira de profesión, ten experiencia como cooperante internacional e asume con ilusión “o reto de continuar traballando para estar cada vez máis preto das persoas que o necesitan, e ser mellores, no sentido máis amplo da palabra”.

 

Ferreiro agradeceu especialmente o seu labor a Alonso, que seguirá colaborando activamente en Cruz Vermella; un recoñecemento que fixo extensivo “ao voluntariado e Comité Comarcal da institución, polo seu traballo diario e implicación, aínda maior desde a chegada da pandemia”.

 

Posteriormente mantiveron unha entrevista de presentación co alcalde do Barco, Alfredo García, co obxectivo de manter as liñas de colaboración e cooperación institucional tan necesarias para seguir traballando en favor dos colectivos máis vulnerables.

 

Desta forma ábrese unha nova etapa en Valdeorras, marcada pola resposta fronte á  COVID-19 a través do Plan Cruz Vermella Responde, así como pola contribución para alcanzar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, a Axenda 2030, desde os distintos proxectos da institución.

Share on linkedin
Share on twitter
Share on facebook
Share on whatsapp
Share on email