Manuel Paz Pérez, de 71 anos, é un dos avós que participa no proxecto de Avós e Avoas Educadores, concretamente nos grupos de Cruz Vermella en Vigo. E debido á pandemia tivo que actualizarse para poder seguir participando polo que pediu axuda ao seu neto Daniel, que o axudou a instalarse o programa Teams para seguir conectado de maneira virtual.
Manuel tivo unha longa traxectoria laboral: desde vender porta a porta, pasando por carretillero ou responsable de produción con persoas ao seu cargo ata impartir formación para outros traballadores. Agora está xubilado e no seu tempo libre gústalle compoñer, ten o seu propio invernadoiro e tamén fai pequenos papeis en películas para manterse entretido. Ademais, é voluntario de Cruz Vermella no transporte adaptado.
É pai de catro fillos, tres mulleres seguidas e un home, e fai catro anos quedou viúvo e comezou a súa andaina máis solidaria, así nos relata a súa achega familiar: “Son un pouco o comodín cando algún dos meus fillos necesita que quede cos netos”. “Hai pouco estiven case unha semana enteira con 5 netos de 2 a 11 anos na miña casa de Bouzas. Pasaron todas as tardes comigo, dúas deles todo o día e mesmo durmiron algunha noite”, continúa.
Non lle dá medo esa responsabilidade, máis ben ao contrario como nos indica nas súas respostas. “A min? A min non me asusta a responsabilidade, dáme vida. Fai cinco anos eramos 4 persoas en casa: a miña muller, o meu sogro, o meu fillo e eu, e en cuestión de dous anos morreu a miña muller, morreu o meu sogro e o meu fillo foise, entón…“. A súa vida deu un xiro. “Vouno levando como todo. Unha páxina máis… Me comprei unha guitarra, compreime un teclado, teño un invernadoiro e participei en varios curtos e películas. Entretenme e non me custa nada”, comenta.
Camiña varios quilómetros para ir buscar aos seus netos desde Bouzas a Vigo, a axuda para facer os deberes e coas súas actividades diarias cando os seus pais non poden. “Boto unha man ás miñas fillas cando non os poden atender por tema de horarios. Ás veces lévoos ao colexio, recólloos, comen comigo, lévoos a algunha actividade, axúdolles cos deberes e todo iso”, explica.
A Manuel gustoulle estar máis presente na vida dos seus fillos, pero debido ao seu traballo e ás normas da época non puido, polo que agora está a tentar dedicar todo o tempo posible aos seus netos e aprender cada día observando as súas reaccións e a súa forma de analizar o mundo. É un gran coñecedor da súa prole polo tempo que lle dedica a observalos. Conta que está a axudar a un dos seus netos para ter máis control das súas reaccións e a ser máis alegre e divertido e que a outra das súas netas anímaa a expresar as súas opinións e a marcar o seu terreo porque nota que lle falta un pequeno empuxonciño pola súa timidez.
Manuel entrou en contacto con Cruz Vermella como voluntario do centro de día e lembra que esa etapa producíalle moita satisfacción e recargáballe as pilas axudar a outras persoas tentando que os seus días fosen mellores. E posteriormente foi cando se apuntou á Escola de Avós Educadores, onde comparte experiencias e consellos con outros participantes que, segundo dinos, axúdanlle a contrastar opinións e reforzar a súa particular visión da infancia, etapa á que cre que non prestamos demasiada atención e tampouco se adoita ensinar aos nenos para resolver problemas por si mesmos, a pensar e ser máis críticos.
Do programa de Avós Educadores opina que “axuda a manterse ao día, un ten unha tendencia para deixarse ir. Chega un momento que un vai ao cómodo, entón desta maneira motívaste para estar un pouco máis ao día. Sempre se aprende algo.”
Este avó está presente na educación dos seus netos e contribúe a fortalecer as súas personalidades. Ten unha teoría sobre como facer pensar aos seus netos que resume así: “Eu teño un punto de vista sobre os nenos, creo que ás veces os infravaloramos. Se lles fas pensar, sorpréndenche, ensínante e ves que teñen unha máquina funcionando aí que discorre moito máis que ti. É tremendo. Por outra banda, están a desexar que lles marques limites, están a buscar o seu sitio, que ti lle digas si e non, están a buscar a túa aprobación ou o teu rexeitamento. E agradéceno moitísimo e responden a iso. Eu dígoche, eu vivo moito máis a experiencia que eles, ou sexa saco moito máis só con velos”.