Síguenos


Máis de 97.000 persoas atendidas en Galicia a través do Plan Cruz Vermella Responde fronte á COVID-19

O Plan Cruz Vermella Responde é unha intervención integral fronte á COVID-19 a través de accións nas áreas de emerxencias, inclusión social, saúde, socorros, educación, emprego e  medioambiente. Cruz Vermella lanzouno o pasado mes de marzo para atender ás persoas máis vulnerables fronte á pandemia.

 

O incremento das taxas de pobreza, exclusión social e desemprego leva a Cruz Vermella a focalizar a súa resposta na mellora do acceso ao emprego e a loita fronte á fenda dixital, que serán dúas dos principais retos do Plan Responde este ano 2021.

 

Máis de 2.821.000 persoas foron atendidas ata decembro de 2020 a través do citado plan no noso país. No caso de Galicia, Cruz Vermella atendeu a máis de 97.893 persoas. Distribución de bens de primeira necesidade, despregamento de albergues de aloxamento temporal para persoas sen fogar, chamadas de seguimento e acompañamento a persoas en situación de vulnerabilidade, actividades de orientación laboral para persoas que perderon o seu emprego ou apoio escolar en liña para nenos e nenas son algunhas dos labores que se levaron a cabo durante estes meses co apoio de máis de 2.000 persoas voluntarias.

 

Datos globais

 

Así, en materia de Emprego, Cruz Vermella Española atendeu a través do Plan Responde a máis de 92.000 persoas; no ámbito de Saúde, a máis de 1.145.000; en Educación, a máis de 500.000 persoas; en materia de Inclusión Social, a máis de 860.000; en  medioambiente, 54.000 persoas, e, a través de medidas de Socorro, Cruz Vermella apoiou a máis de 580.000 persoas.

 

Respecto ao perfil das persoas atendidas, o 63,5% das persoas son mulleres, o 31,7% ten entre 30 e 59 anos e fillos/ as ao seu cargo, con estudos superiores (89%) e o 32,2% son persoas maiores de 60 anos.

 

É importante destacar que a nivel nacional participaron máis de 63.700 voluntarios e voluntarias desenvolvendo actividades das diferentes áreas. O 60% destas persoas voluntarias son mulleres e a media de idade é de 36 anos.

 

Cruz Vermella logrou axuntar vontades fronte a un reto histórico. Grazas á solidariedade da cidadanía, empresas, medios de comunicación e outros organismos e administracións públicas, investiu preto de 70 millóns de euros para o Plan Responde.

Share on linkedin
Share on twitter
Share on facebook
Share on whatsapp
Share on email