O voluntariado é a base fundamental de Cruz Vermella, é o que permite que se desenvolvan miles de proxectos que cada día dan resposta ás necesidades de centos de persoas en todo o territorio.
Na conmemoración do Día Internacional do Voluntariado, que se celebra cada 5 de decembro, Cruz Vermella quere agradecer e recoñecer o compromiso das persoas voluntarias que realizan o seu labor de forma solidaria e desinteresada.
En Galicia actualmente contamos con máis de 5.000 persoas voluntarias que colaboran habitualmente nos proxectos e actividades que levan a cabo na nosa comunidade autónoma. O noso voluntariado está composto por un 63% de mulleres e un 37% de homes.
Un dato destacable é que no que vai de ano incorporáronse 947 novos voluntarios e voluntarias, son persoas que deron o paso de unirse a nosa Organización para dedicar o seu tempo e esforzo a acompañar ás persoas maiores, apoiar a nenos e nenas na realización das súas tarefas escolares ou socorrer a quen necesita axuda urxente, sen esperar nunca nada a cambio.
A maior parte das persoas voluntarias de Cruz Vermella forman parte da área de coñecemento de Inclusión Social, encargada de atender as principais demandas das persoas en situación de vulnerabilidade. Outra das áreas nas que hai moita participación voluntaria é a de Socorros e os voluntarios e voluntarias actúa en emerxencias ou na súa prevención.
A nivel nacional e só no plan Cruz Vermella RESPONDE, nacido da necesidade de resolver os problemas sociais derivados da crise da COVID-19, máis de 75.000 persoas voluntarias deron xa resposta a máis de 5.300.000 de persoas, máis das 62% mulleres, en máis de 23 millóns de atencións diferentes. Son só unha parte do músculo de Cruz Vermella, formado por máis de 250.000 persoas voluntarias na actualidade.