Síguenos


Máis de 80 persoas participaron no proxecto de Benestar Persoal e Activación Social en Ourense

Hai xustamente un ano, en decembro de 2020, púxose en marcha en Ourense o proxecto de “Benestar Persoal e Activación Social”, que atende a persoas que precisan axuda para a cobertura das súas necesidades básicas e apoio na súa transición ao emprego.

 

“Xa van máis de 80 persoas que pasaron por estes obradoiros e sesións de orientación individuais, que en definitiva pretenden facer clic no seu interior para que sexan o motor do seu cambio, que se poñan en marcha para seguir adiante ou para saír de situacións nas que levan un tempo estancadas e que sen dúbida se viron agravadas pola pandemia”, explica Estefanía Estévez, técnica do proxecto.

 

A través dun traballo continuado, as/os participantes adquiren e melloran as súas competencias persoais e técnicas: habilidades comunicativas, resolución de conflitos, xestión emocional, alfabetización dixital, hábitos de vida saudables, aforro doméstico e xestión de presupostos, entre outras.

 

“Hai dous obradoiros transversais fundamentais que son moi significativos para quen participa, porque da lugar a que as persoas comparten moito as súas experiencias e logo poden aplicar o que aprenden ás súas vidas. Estamos a falar do obradoiro sobre igualdade de xénero e o de alimentación saudable. En moitos casos as persoas proveñen de diferentes países, polo que as sesións convírtense en intercambios culturais que enriquecen a convivencia”, destaca Estévez.

 

Por outra banda, Estefanía Estévez sinala que “segue a ser moi relevante a fenda dixital que existe entre as persoas coas que traballamos: algo que se puxo de manifesto coa chegada da pandemia, pero que seguimos vendo actualmente, tanto para realizar xestións da vida cotiá como para acceder a un emprego”. Precisamente para paliar estas dificultades, os obradoiros inclúen información básica sobre comunicación, xestión de citas e documental coa Administración, seguridade na rede, creación de contidos, redes sociais, etc.

 

Transición ao mercado laboral

 

A atención individualizada é fundamental para que as persoas entendan o mercado laboral actual do noso país: as vías de busca dun emprego, como presentarse a unha oferta laboral a través dun currículum, cartas de presentación, como facer entrevistas, como facer as homologacións dos seus estudos, etc.

 

Ademais, realízanse diversas accións formativas como “Manipulación de alimentos”, alfabetización dixital, “Carretillero e prevención de riscos laboráis”, hostelería, etc.

 

Moitas destas persoas, segundo van acadando obxectivos do seu itinerario, poden pasar a formar parte de proxectos do Plan de Emprego, para aumentar as súas posibilidades de inserción laboral.

 

Benestar persoal

 

Este proxecto contempla ademáis a importancia de que a persoa tome conciencia de si mesma, que se dea tempo para pensar e coidarse. De aí que se realicen sesión de midfullness, técnicas de relaxación e xestión emocional.

 

“É moi gratificante ver os avances e que realmente hai un impacto positivo en persoas que ás veces chegan moi baixas de ánimo e autoestima. Tentamos darlle esperanza e aumentar a súa confianza nelas e nas súas oportunidades de futuro”, conclúe Estévez.

 

O proxecto conta co apoio da Xunta de Galicia e do Fondo Social Europeo.

Share on linkedin
Share on twitter
Share on facebook
Share on whatsapp
Share on email