O proxecto de “Promoción do éxito escolar de nenos e nenas en dificultade social” atendeu a 314 nenos e nenas, desde as asembleas comarcais de Cruz Vermella en Ourense. Un proxecto que se caracteriza pola súa descentralización, co obxectivo de intervir desde a proximidade, e que conta co apoio da Deputación Provincial.
Reforzouse a súa aprendizaxe de tipo educativo co apoio na realización de tarefas escolares, facilitouse o acceso a actividades de lecer, así como actividades de promoción de hábitos sociais e saudables, de educación ambiental e de educación non sexista.
Sendo conscientes da existencia de novas formas de participación e novas formas de distribución do tempo libre, continuamos co labor de dinamización e oferta de espazos que permitan o empoderamento da mocidade como persoas con valores sociais e de cidadanía, facendo especial atención a lograr esa participación na vida da contorna rural.
Ademais, complementáronse tamén as dificultades de acceso ás posibles actividades de lecer, coa entrega de xogos e libros a domicilio nos casos nos que foi necesario, e ofreceuse un soporte integral ás súas familias.
En total, o proxecto foi levado a cabo grazas ao traballo de 8 monitores e 130 persoas voluntarias, que realizaron 16.877 intervencións nun novo contexto de crise sanitaria e social.
Esta renovada colaboración da Deputación de Ourense supón unha vez máis un impulso importante ao traballo realizado desde as asembleas comarcais de Cruz Vermella na provincia, que atenden aos colectivos de poboación que necesitan maior protección social e axuda, traballando desde a proximidade grazas ao desprazamento do labor voluntario aos núcleos de poboación máis afastados dos recursos, e con maiores dificultades de comunicación para estas familias.