Síguenos


Máis de 200 persoas participaron no Encontro de Familias Acolledoras de Cruz Vermella en Galicia

Malpica acolleu o pasado 17 de setembro o Encontro de Familias Acolledoras de Cruz Vermella en Galicia. Foi na Finca Aldeola, onde máis de 200 persoas entre adultos e nenos/as compartiron unha xornada lúdico-formativa, na que puideron intercambiar experiencias tras dous anos especialmente difíciles polas complicacións derivadas da pandemia.
No acto de benvida ás familias interviñeron Jacobo Rey Sastre, Director Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Carmen Colmeiro Rojo, Presidenta de Cruz Vermella en Galicia, e Mercedes Casanova Díaz, Presidenta de Cruz Vermella na Coruña.
Este encontro foi o primeiro tras a chegada da pandemia, polo que supuxo un momento moi especial. O programa incluíu un seminario sobre o desenvolvemento infantil na contorna da acollida familiar, impartido por profesionais de Neurosens, e un espazo para o testemuño de Isabel García, xornalista e autora do libro “O día que me queiras”. Ademais organizáronse unha serie de actividades lúdicas e obradoiros por grupos para os nenos e nenas participantes, así como para gozar xuntos en familia.
Acollemento familiar
O acollemento é unha medida de protección á infancia que ten como finalidade ofrecer un fogar a nenos e nenas que de forma temporal non poden vivir coa súa familia de orixe; un fogar onde os nenos e nenas reciban todo o coidado e seguridade que necesitan mentres a súa familia biolóxica atravesa unha situación de dificultade.
Cruz Vermella xestiona o programa de Familias Acolledoras en colaboración coa Consellería de Política Social da Xunta de Galicia. Entre xaneiro e xuño deste ano foron acollidos 267 menores en Galicia. Nestes momentos hai 238 nenos e nenas que están a ser acollidos na comunidade autónoma, mentres que 80 están á espera de acollemento; entre eles hai grupos de irmáns e menores con algunha discapacidade ou necesidades especiais.
A rede de familias acolledoras de Cruz Vermella en Galicia está formada por 344 familias, pero sempre se necesitan máis persoas dispostas a colaborar xa que, deste xeito, haberá máis posibilidades para dar a resposta máis axustada a novos casos, tendo en conta as características e necesidades dos menores.
O acollemento familiar é un proxecto vivo, no que non existe unha familia tipo e onde cada acollemento é tan único como os nenos e nenas do programa. Só hai un requisito imprescindible para ser familia acolledora, que é non ter finalidade adoptiva. Despois, o equipo técnico de Cruz Vermella acompaña ás familias desde o primeiro momento e durante todo o proceso de acollemento.
Máis infromación: www.acollementofamiliar.gal
Share on linkedin
Share on twitter
Share on facebook
Share on whatsapp
Share on email