Favorecer a inclusión dixital das persoas maiores e reducir a fenda dixital foron os obxectivos principais da iniciativa “Enredando Tour R”. Cruz Vermella fixo balance deste tour que, na súa segunda edición, percorreu 6 localidades das provincias de Lugo e Pontevedra, coa participación directa da operadora galega R e a colaboración da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia.
Máis de 200 persoas participaron nas distintas actividades do tour, entre o 20 e o 29 de xullo. O 78,5% das persoas participantes nos talleres foron mulleres e a media de idade, de 75 anos. Dos asistentes ás formacións, un 41,7% manifestaron que o seu coñecemento dixital previo era baixo.
Grazas a estes talleres, impartidos nunha contorna lúdica e agradable por persoal especializado e voluntariado, logrouse que os maiores perderan un pouco o medo ás novas tecnoloxías e desenvolveran habilidades básicas para manexalas, aprender e avanzar. En cada unha das 6 localidades (Lugo, Chantada e A Fonsagrada, na provincia de Lugo e Vigo, e Pontevedra e A Estrada, na de Pontevedra) instalouse a aula móbil de Cruz Vermella e R.
A finalidade era ‘enredar’ aos maiores no mundo dixital; e para iso podían escoller, segundo os seus gustos e intereses, entre diferentes dispositivos: smartphone, tableta ou portátil. A actividade dirixiuse a persoas de 60 ou máis anos e a media de idade dos participantes foi de 73,5.
Os contidos expostos tiveron moi boa aceptación e o 49,5% das persoas consideraron a formación de moita utilidade para o seu día a día. En total, durante o “Enredando Tour R” de 2022 desenvolvéronse 18 horas de capacitación en competencias dixitais básicas e 397 talleres baseados nos menús formativos propostos.
Nesta segunda edición os menús enfocáronse a contidos dixitais no móbil e relacionados coa seguridade nas aplicacións e no seu manexo para empoderar ás persoas maiores, adaptándose todo o posible ás necesidades de cada asistente, ao seu nivel de coñecemento tecnolóxico e aos seus intereses dixitais. Tanto quen participou no tour como as persoas que queiran achegarse ao mundo dixital e contar con asesoramento, teñen á súa disposición a páxina www.enredando.gal