Síguenos


Máis de 150 persoas asistirán á Xuntanza de Avós e Avoas Educadores

Moitas avoas e avós desempeñan un importante labor no coidado e educación dos seus netos. Coa finalidade de achegarlles información e recursos para abordar diferentes situacións que se lles presentan a diario cos máis pequenos, contamos co programa de Avós e Avoas Educadores. Outro dos obxectivos é proporcionarlles un soporte social que sirva para previr e reducir a tensión asociada á crianza dos nenos.

 

Un grupo de 150 persoas participantes no citado programa, asistirán este sábado 14 á Xuntanza de Avós e Avoas Educadores que se celebrará na Coruña. A presidenta de Cruz Vermella en Galicia, Carmen Colmeiro, e a directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Xunta de Galicia, Amparo González, serán as encargadas de darlles a benvida institucional.

 

A alimentación e a saúde na familia é o tema central da xornada e abordaranse cuestións relacionadas cos hábitos saudables, a dieta atlántica, as receitas tradicionais e modernas, a obesidade infantil, as intolerancias alimentarias ou as vantaxes de compartir momentos cociñando e comendo en familia. Para eles contaremos con seis avós e avoas que nos falarán da súa experiencia así como con Luís Veira, chef do restaurante Árbore dá Veira, que conta cunha Estrela Michelin, e Rosaura Leis, pediatra, coordinadora de Nutrición Pediátrica do Hospital Universitario Clínico de Santiago e profesora e investigadora da Universidade de Santiago de Compostela.

 

Unha comida e unha sobremesa musical completan o programa desta Xuntanza, que servirá para o intercambio de vivencias así como para recoñecer e agradecer o importante papel que xogan na nosa sociedade, destacando a conciliación da vida familiar e profesional.

 

Datos do programa

 

Cruz Vermella desenvolve este programa, que conta coa colaboración da Xunta de Galicia, na Coruña, Carballo, Lugo, Ourense, Vigo e Pontevedra. Máis de 225 persoas beneficiáronse das actividades deste programa durante 2019.

 

metodoloxía é dinámica e moi participativa. No programa hai varias fases:

  • Grupal (denominada Escola). Ten un programa establecido, o contido é o mesmo para todos os grupos. A periodicidade é fixa (semanal). É obrigatoria.
  • Individual. Trabállase de maneira personalizada con aqueles avós que así o soliciten. Acórdanse citas con cada técnico. É opcional.
  • Grupal de axuda mutua (GAM). Os participantes escollen aqueles temas sobre os que queren profundar máis ou ben outros novos que queren abordar polo que o contido varía duns grupos a outros. A periodicidade a marca cada grupo (nuns casos é quincenal, noutros mensual…). É opcional.
Share on linkedin
Share on twitter
Share on facebook
Share on whatsapp
Share on email