Máis de 120 nenos e nenas da comarca de Monterrei, en Ourense, participaron nas ludotecas e actividades de tempo libre organizadas por Cruz Vermella durante o verán que xa toca o seu fin.
De forma continuada, en Verín realizáronse talleres de manualidades, saídas á piscina, xogos cooperativos e de auga no río, aínda que houbo tempo para actividades de reforzo de lectura, escritura ou obradoiros de alimentación saudable, entre outros.
Ademais realizáronse actividades en conxunto con outras entidades como unha actividade interxeracional co Centro de Maiores de Solleira, unha visita a Cabreiroá ou unha procura do tesouro no Castelo de Monterrei grazas á colaboración de Turismo Monterrei. Como festa de fin de verán, gozaron dunha excursión ao parque acuático de Fafe (Portugal).
Tamén se realizaron actividades lúdicas para nenos e nenas en diferentes localidades da comarca en colaboración cos Concellos: Laza, Cualedro, Verín, Monterrei e Oímbra, onde os xogos tradicionais populares tiveron un gran éxito.
Promoción do Éxito Escolar
Do total de participantes nas actividades de tempo libre, 48 nenos e nenas son beneficiarios ao longo de todo o ano no proxecto de Promoción do Éxito Escolar, que para o seu desenvolvemento conta co apoio da Xunta de Galicia a través de IRPF e da Deputación de Ourense, ademais dos fondos propios da Organización.
Trátase dun proxecto que ten como obxectivo protexer e acompañar a nenos e nenas que polas circunstancias socio-económicas das súas familias atópanse en situación de desigualdade no proceso educativo, afectando tanto á súa integración social, como ao seu desenvolvemento emocional e ao rendemento académico.
Refórzase a súa aprendizaxe de tipo educativo co apoio na realización de tarefas escolares, facilitouse o acceso a actividades de lecer, así como actividades de promoción de hábitos sociais e saudables, de educación ambiental, prevención de condutas violentas, educación non sexista e valoración da diversidade. Paralelamente ofreceuse un soporte integral ás familias, orientándoas sobre recursos internos e externos para cubrir as súas necesidades.
Conscientes da existencia de novas formas de participación e novas formas de distribución do tempo libre, realízase un labor de dinamización e oferta de espazos que permitisen o empoderamento da mocidade como persoas con valores sociais e de cidadanía, facendo especial atención a lograr esa participación na vida da contorna rural. Neste sentido, o xogo cobra especial importancia polo seu papel no desenvolvemento educativo.