Cruz Vermella A Coruña colabora coa Fundación A Caixa no Programa para a Atención Integral a persoas con enfermidades avanzadas que, no ano 2020, atendeu a máis de 800 persoas, entre pacientes e familiares, ofrecéndolles un apoio en aspectos emocionais, sociais e espirituais. Xunto ao equipo de atención psicosocial, que desempeña o seu labor tanto no ámbito hospitalario como no domiciliario e en sede, estes resultados foron posibles grazas á colaboración de voluntarios e voluntarias que complementan o equipo da Coruña.
Lucía Rey, coruñesa de 51 anos, é unha desas persoas que dá resposta ás necesidades sociais das persoas enfermas e os seus familiares. Hoxe falamos con ela para que nos conte a súa experiencia como voluntaria.
Por que decides facerte voluntaria de Cruz Vermella?
O voluntariado é algo que sempre me chamou a atención. Creo que a miña idea vai en liña con poder achegar algo á sociedade porque a min esta deume moito. Hai persoas que son menos privilexiadas que eu e gústame apoialas. Neste sentido, cheguei a Cruz Vermella fai agora nove anos nunha época da miña vida na que necesitaba botar unha man dalgunha maneira. Contactei con esta Organización porque sempre me pareceu moi próxima. Gústanme os seus principios e cría que efectivamente podería achegar algo.
Como chegas ao Programa para a Atención Integral de persoas con enfermidades avanzadas?
Nun primeiro momento empecei no proxecto de Axuda a Domicilio Complementaria con persoas maiores, no que aínda sigo. Con todo, cando o programa de Atención Integral de persoas con enfermidades avanzadas púxose en marcha animeime a participar. Recoñezo que é un proxecto duro pero o certo é que mentres estaba de voluntaria no outro a persoa á que facía compañía faleceu. Foi un golpe duro, pero sentínme moi ben por saber que estiven a apoiar e acompañándoa nos últimos meses, así que pensei que isto non podía ser moi diferente. Paréceme que é unha situación na vida na que estamos especialmente vulnerables á hora da proximidade da morte, pero ao mesmo tempo é un proceso biolóxico e non me asusta.
En que consiste o teu labor voluntario dentro deste proxecto?
No meu caso eu colaboro un par de horas á semana e o que fago simplemente é acompañar á persoa e escoitar. Ás veces falan da súa vida e é moi enriquecedor. Aprendes moito e chegas a querelos tamén. En xeral creo que, como persoa enferma, cando compartes estes momentos con alguén alleo á túa familia pode ser bo porque en moitas ocasións falar do que che pasa con persoas próximas é máis difícil xa que teñen unha implicación emocional moito máis grande. Cando me comentan os seus medos, os seus temores ou as súas inquietudes doume conta da conveniencia de que haxa persoas alleas ao núcleo familiar que se impliquen no día a día desa persoa.
E cos familiares?
Si, efectivamente, tamén realizamos apoio e atención ás familias. Por exemplo, actualmente acompaño a unha persoa que está a vivir un proceso de duelo. Nestes casos quedamos con ela e realmente facemos o mesmo que cando acompañamos a unha enferma. A idea é tratar de acompañala no proceso ata que se atope mellor e xa non nos necesite.
Como é o recibimento?
En xeral é moi bo. A verdade é que todas as experiencias foron moi gratificantes: recíbenche moi ben, están a desexar falar e compartir contigo. Ademais, no caso dos familiares, en moitas ocasións están sobrecargados así que agradecen a túa presenza para poder descansar ou facer xestións sabendo que os seus familiares non están sós.
E a relación coas técnicas do proxecto?
As psicólogas do proxecto fan visitas regulares aos pacientes pero dunha forma máis técnica que nós porque teñen unha formación moito máis ampla. A verdade é que é unha relación moi boa porque están dispoñibles en todo momento para calquera consulta.
Como foi o teu labor como voluntaria do proxecto desde que comezou a pandemia?
Desde marzo do ano pasado, co confinamento, os acompañamentos que estaba a facer a domicilio canceláronse. A partir de entón e ata que se puideron renovar as visitas presenciais, os contactos cos usuarios do programa foron telefónicos.
Que foi o máis difícil?
Por suposto isto engadiu dificultade ás interaccións persoais xa que, ao meu entender, gran parte da comunicación é non verbal. Adoito estar moi atenta ás expresións faciais e corporais da xente coa que me relaciono en xeral e máis aínda neste proxecto. É moi importante para min xa que me achega moita información sobre o estado de ánimo do outro e dáme indicacións acerca de que é o que pode necesitar nese momento. Tamén os silencios, que moitas veces forman parte da “conversación”, fanse máis difíciles a través do teléfono, pois non te podes axudar de miradas ou xestos para facerlle saber ao outro que estás aí. E o contacto físico. Unha caricia, un abrazo, poden axudar máis que calquera palabra á hora de transmitir o agarimo e o apoio incondicional que queres mostrarlle á persoa que está a sufrir. Neste sentido todo resultounos máis difícil, tanto ás persoas ás que tentei seguir acompañando nestas circunstancias, como a min. Sigo pensando que, como suxeitos sociais que somos, necesitamos o contacto físico estreito con outros seres humanos, pois nos achega benestar emocional e fainos saber que non estamos sós. Con todo, se houbo algo positivo en toda esta situación, é quizá o saber que, nin aínda nas peores circunstancias de illamento imposto pola pandemia, deixamos de ter contacto dalgunha maneira grazas a Cruz Vermella. A min, desde logo, fíxome darlle máis valor, se cabe, á enteireza e a valentía coas que as persoas ás que teño o privilexio de acompañar enfrontaron toda esta situación.
Que che achega un voluntariado deste tipo?
O certo é que vivín momentos duros pero todo compensa. Hai situacións nas que che sentes impotente porque che gustaría axudarlles máis, o que pasa é que ao final aceptas o desenlace que se vai a producir e mentres tanto tentas aproveitar o máximo posible os intres que estás con esa persoa e que ela tamén aproveite o tempo que queda. Creo que a clave está en ver a morte como un proceso natural, que é unha etapa máis na vida, e é moi importante que a persoa que está nese transo acabe en paz. Eu espero que cando a mín me chegue o momento teña esa serenidade e esa paz que vin en moitos deles. Ademais, achégame amizade porque ao final acabas coñecendo a esas persoas e chégalas a querer, achégame satisfacción por saber que estou a achegar un pouco ao seu benestar e, por suposto, moita aprendizaxe.
Recomendarías facer voluntariado?
Creo que vivimos en sociedade, sendo seres sociais, e que un dos principios básicos é a cooperación entre nós. Avanzamos como sociedade grazas a ela así que creo que facer voluntariado é unha forma de cooperar socialmente coas persoas e achegar un pouco. Descubrín que se aprende moito das outras persoas, é moi gratificante e faite sentir ben contigo mesmo. Xa sei que hai xente que non ten tempo pero no día a día sempre podes estar a axudar á xente dalgunha forma porque chegará un momento no que nós sexamos os que necesitemos apoio e vainos a gustar estar acompañados tamén.