Izabella de Sena Fortunato ten 27 anos e é unha das participantes en Lalín dos talleres de orientación laboral para persoas de entre 18 e 35 anos que se enmarcan dentro do Plan Cruz Vermella Responde fronte á COVID-19 e que contan co financiamento de Tik Tok.
A maior plataforma de vídeos curtos colabora coa nosa Organización co obxectivo de mellorar a empregabilidade e a autonomía das persoas que están a dar os seus primeiros pasos no mercado laboral. O proxecto está enfocado nas oportunidades do ámbito tecnolóxico e nos oficios con alta demanda e emprégase unha nova metodoloxía a distancia para impulsar as canles en liña favorecendo así que se amplíen e actualicen as competencias dixitais.
Izabella tamén realizou recentemente unha formación en liña de Caixas Reposición organizada para estes mozos polo Plan de Emprego dentro do proxecto. Cóntanos como coñeceu este curso: “Decateime porque me mandaron a información a través do correo electrónico. Como nese momento estaba desempregada, interesoume moito. Pareceume unha gran oportunidade para poder traballar. No meu país, en moitos postos de traballo non é necesario ter unha formación específica pero aquí si.”
Anteriormente, xa recibira a axuda de Cruz Vermella con entregas de material escolar para o seu fillo así como outras doazóns puntuais. “Sempre me axudaron en todo o que podían”, destaca.
Izabella é unha das 147 persoas que ata o momento formaron parte desta iniciativa en Pontevedra. Da formación explica que “me pareceu fácil, aínda que tiña moito contido. E a plataforma pareceume moi sinxela e intuitiva de utilizar. Gustoume moito o curso. Ademais sempre estiveron moi pendentes de nós e dábannos moitos ánimos para continuar. Grazas a este curso aprendín unha nova profesión. Nunca traballara neste sector e isto achegoume moitísimos coñecementos: seguridade, manipulación de alimentos, formas de atención ao público… ás veces pensamos que sabemos moito e non é así. Aprendín unha chea de cousas”.
A estes mozos apoióuselles con orientación, información, mediación e formación laboral, e recibiron axuda na procura de traballo ofrecéndolles as ferramentas e os coñecementos necesarios. Moitos mozos non contan coas habilidades necesarias para a formación semipresencial ou a procura de emprego no contexto actual ou ben necesitan unha recualificación profesional que mellore as súas competencias. A intervención céntrase no acompañamento constante na procura de emprego con catro sesións de orientación, onde se traballan as ferramentas de procura de emprego, e despois sete horas de talleres por alumno para a mellora das competencias dixitais.
Ademais Izabella, grazas ao seu empeño e dedicación, empezou a facer prácticas nun supermercado. “Estou de marabilla, máis que contenta. O primeiro día estaba moi nerviosa, pero tiven unha profesora moi boa e moi amable que estivo moi pendente de min. Todos os compañeiros axudáronme moito”, comenta.
Con esta alianza, que empezou a rodar en outubro do ano pasado, Tik Tok e Cruz Vermella apostan mellorar a empregabilidade dos máis novos e por reducir o impacto negativo da crise causada pola Covid-19 na xente nova.
Concretamente, a doazón de TikTok (1.380.000 euros) a Cruz Vermella Española englóbase dentro do Fondo ‘ TikTok Health Heroes Relief Fund’ como mostra do compromiso da compañía de apoiar a traballadores da saúde, educadores e comunidades europeas que se viron afectadas por esta crise sanitaria e social. Desta forma, poderase axudar a máis de 3.500 mozos no noso país que desexan atopar un emprego e ofrecerlle as vías necesarias para poder ter ferramentas e coñecementos para acceder á vida laboral.