A empresa Forestalis uniuse ó Plan de Emprego de Cruz Vermella en Pontevedra colaborando na inserción laboral das persoas en dificultade social. Para presentar esta nova alianza, celebrouse recentemente un encontro en Carballedo, no Concello de Cerdedo-Cotobade, entre o alcalde, Jorge Cubela, os fundadores de Forestalis, Emilio Fernández e Francisco Cuiñas, e a presidenta provincial de Cruz Vermella Pontevedra, Mª Teresa Álvarez Quicler. Durante o acto, os asistentes tiveron a oportunidade de visitar as plantacións da empresa, onde puideron falar cós traballadores procedentes do Plan de Emprego.
Ata o momento, 15 persoas beneficiáronse xa desta alianza que comezou en outubro e que se enmarca dentro do proxecto Reto Social Empresarial, que ten como finalidade promover a diversidade como un valor de enriquecemento social e económico ó tempo que se ofrecen novas oportunidades laborais.
Forestalis é unha empresa galega, afincada na provincia de Pontevedra e dedicada á reforestación. A través da creación da masas forestais sostibles compensan a pegada de carbono das organización privadas. O 80% dos traballadores forestais da empresa son participantes do Plan de Emprego de Cruz Vermella en Pontevedra. Forestalis espera que esta iniciativa sexa un exemplo a seguir por outras empresas co fin de crear unha economía máis verde e sostible á vez que competitiva.
O Plan de Emprego de Cruz Vermella conta co apoio das administracións públicas por medio dos programas operativos de emprego, POEJ e POISES, co financiados polo Ministerio de Traballo e Economía Social e do Fondo Social Europeo.