O pasado xoves, 22 de xuño, Lugo acolleu a I Feira de Emprego organizada por Cruz Vermella na localidade, unha iniciativa promovida polo Plan de Emprego para mellorar a inserción laboral das persoas que están a buscar unha nova oportunidade. Ao Hotel Méndez Núñez achegáronse máis de 70 persoas e 10 empresas, que puideron compartir un espazo de contacto directo entre aquelas que están a buscar emprego e compañías que se atopan en proceso activo de incorporación de persoal aos seus equipos.
Co apoio do equipo técnico de Cruz Vermella, as persoas participantes puideron coñecer máis detalles sobre o Plan de Emprego, ademais de profundar na elaboración de CV ou como facer unha entrevista laboral de éxito. Ademais, grazas á colaboración de empresas vinculadas aos sectores de servizos, alimentación e empresas de traballo temporal, entre outros, ofreceuse información sobre procesos de selección e realizáronse entrevistas directas ás persoas que acudiron á cita.
“O resultado da feira foi un éxito e houbo unha presenza bastante alta, tanto de persoas en procura de emprego como de empresas. Por unha banda, os participantes puideron entregar os seus CV ao persoal das compañías e, pola súa banda, as empresas puideron seleccionar algún perfil para os seus procesos de selección”, detallaba María José López, técnica do Plan de Emprego de Cruz Vermella, ao finalizar o evento.
Esta é a terceira Feira de Emprego que Cruz Vermella organiza en Galicia. As dúas primeiras tiveron lugar na localidade ourensá do Barco de Valdeorras, contando coa colaboración de empresas dos sectores socio-sanitario, limpeza, comercio, lousa e construción, entre outros, así como con máis de 70 persoas de perfís diferentes que se atopaban buscando novas oportunidades laborais.
Os proxectos do Plan de Emprego de Cruz Vermella van dirixidos incrementar a empregabilidade a través da orientación e a formación. Tamén leva a cabo un importante labor de intermediación coas empresas que necesitan profesionais e apostan por brindar unha oportunidade a quen máis o necesita. Para levalo a cabo, os proxectos Itinerarios laborais que Suman e Reto Social Empresarial, que organizaron a acción, contan co apoio das administracións públicas, a través dos programas operativos de emprego financiados polo Ministerio de Traballo e Economía Social, e o Fondo Social Europeo.
Balance do Plan de Emprego en Lugo
O Plan de Emprego de Cruz Vermella traballa, desde hai máis de 20 anos, para mellorar a empregabilidade das persoas que se atopan máis afastadas do mercado laboral. Neste sentido, durante o período comprendido entre o 2019 e o 2022, o Plan de Emprego de Cruz Vermella en Lugo conseguiu inserir no mercado laboral a 536 persoas, o que supuxo un 58% de todas as que participaron a través nos diferentes proxectos específicos para persoas maiores de 45 anos, mulleres ou mozos e mozas, entre outros.
Estes resultados foron posibles grazas á colaboración de 1.265 empresas, coas que se realizaron máis de 700 xestións de ofertas laborais.