Síguenos


Entregáronse 25.000 tarxetas básicas a familias vulnerables de Galicia para adquirir produtos de alimentación, hixiene e farmacia

O obxectivo da Tarxeta Básica é apoiar ás familias galegas que se atopan nunha situación de vulnerabilidade provocada ou agudizada pola crise da COVID-19. Este proxecto xorde da colaboración entre a Xunta de Galicia e Cruz Vermella e desde a súa posta en marcha, en xullo de 2020, xa se emitiron preto de 25.000 tarxetas básicas coas que se deu unha resposta eficaz a máis de 40.000 persoas. Trátase dunha resposta sen precedentes a unha situación sen precedentes.

 

Son tarxetas prepago e con elas as persoas beneficiarias poden adquirir produtos básicos de alimentación, hixiene e farmacia. Unha das súas características diferenciadoras é que non  estigmatiza e garántese a dignidade e privacidade das familias en todo momento.

 

A conselleira de Política Social da Xunta de Galicia, Fabiola García, a presidenta autonómica de Cruz Vermella en Galicia, Carmen Colmeiro, e o director  xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, fixeron balance e comentado os detalles e principais datos do proxecto durante un acto no que tamén se presentou unha campaña para poñer en valor e difundir esta iniciativa entre a poboación.

 

A Xunta de Galicia destinou un total de 26,5 millóns de euros a este servizo. En función do número de persoas que integran a unidade familiar, as tarxetas cárganse con distintos importes económicos que van desde os 150 euros mensuais se se trata dunha persoa aos 300 se son tres ou máis persoas.

 

Desde Cruz Vermella deseñouse unha aplicación específica para a xestión das tarxetas e destináronse recursos humanos e materiais para garantir que as axudas chegan aos seus destinatarios de maneira áxil, nun prazo de 24 a 72 horas. A inmediatez é outra da características clave.

 

A iniciativa naceu en 2020 cunha duración  inical prevista de tres meses pero, dado o bo funcionamento, a Xunta de Galicia ampliou a súa vixencia ata o mes de xuño deste ano.

 

En todo o proceso tamén son moi importantes os Servizos Sociais Comunitarios xa que se encargan de tramitar e xestionar as solicitudes así como a colaboración de Abanca, que confecciona as tarxetas e coordínase con Cruz Vermella para a súa carga e renovación.