As fendas de xénero existentes colocan a moitas mulleres nunha situación de desvantaxe, pero afectan con maior intensidade ás que se enfrontan á discriminación múltiple ou ás que pola súa traxectoria vital se atopan afastadas do mercado laboral.
A realidade de moitas mulleres inmigrantes, mulleres vítimas de violencia, responsables de familias monoparentais e maiores de 45, incide directamente nas súas posibilidades de participación laboral e traxectoria profesional; presentan maiores taxas de desemprego, maior segregación ocupacional e precariedade laboral, menor dispoñibilidade e mobilidade por maiores problemas para a conciliación, situándoas nun maior risco de caer na pobreza e a exclusión social, tanto súa como da súa contorna familiar dependente.
Por iso, desde o proxecto Incorpora, financiado pola Fundación “la Caixa”, traballamos en Lugo e Ourense para promover o avance persoal e profesional destas mulleres, de maneira que poidan normalizar as súas vidas e ter como meta a súa integración laboral.
Entre as diversas actuacións que realizamos en Ourense, atópanse os “Obradoiros de empoderamento e mellora da empregabilidade”. No mes de marzo desenvolveuse a primeira edición deste ano, e neles participaron 14 mulleres que durante 30 horas puideron traballar directamente sobre o establecemento dos seus obxectivos profesionais e o desenvolvemento de competencias para mellorar o seu posicionamento ante o mercado laboral.
Como? Promovendo a súa autoestima e autoconfianza, creando redes de apoio e evitando o seu illamento, adquirindo coñecementos dixitais e ferramentas de procura activa de emprego, achegándoas ao mercado de traballo, fomentando a corresponsabilidade para un equilibrio correcto entre a vida laboral e persoal, a través dunha oportuna xestión do tempo, e finalmente traballando a súa marca persoal.
Ademais, nesta edición puidemos contar coa colaboración de Mª Vitoria Canosa Raña, psicóloga e directora do Centro de Estratexias para o Desenvolvemento Persoal e Profesional, quen dinamizou unha das sesións enfocada a facilitar ferramentas de análise persoal, xestión emocional da ansiedade e do estrés motivado pola procura de emprego, así como do control do medo paralizante.