Cruz Vermella segue fiel ao seu compromiso coas persoas máis vulnerables, achegándose aínda máis ás súas necesidades e axudándolles desde a proximidade e a cercanía e traballa en áreas como Inclusión social, Emprego, Educación, Saúde, Socorros ou Medio Ambiente. Por iso o lema elixido para celebrar o Día Mundial da Cruz Vermella e a Media Lúa Vermella este ano foi “Da sociedade para a sociedade” e estivo moi vinculado ao Plan Cruz Vermella Responde fronte á COVID-19.
O Movemento Internacional da Cruz Vermella e a Media Lúa Vermella é a maior organización humanitaria de voluntariado do mundo, que está presente en 192 países. O 8 de maio é unha data sinalada no noso calendario porque se conmemora o aniversario do nacemento de Henry Dunant, cidadán suízo que en 1863 fundou o primeiro Comité Mundial da Cruz Vermella en Xenebra.
Accións conmemorativas
Durante estes días desenvolvéronse diferentes accións en Galicia para poñer en valor o labor das persoas que forman parte de Cruz Vermella. Por este motivo, diferentes edificios e monumentos emblemáticos ilumináronse de cor vermella durante a fin de semana tanto na nosa comunidade autónoma como no resto de España. A Torre de Hércules ou a Ponte Romana de Ourense son algúns exemplos pero non foron os únicos.
Tamén se vestiron de vermello os edificios do Pazo Provincial da Deputación de Ourense e o da Subdelegación do Goberno en Ourense así como os dos concellos de Betanzos, Boiro, Culleredo, Carballo, Malpica, Laxe, Cedeira, Noia, Ordes, Ribeira, Sada, Vimianzo ou Zas na provincia da Coruña. Ademais, hai que sumar a esta lista, entre outros, ás Torres Hejduk da Cidade da Cultura en Santiago, o Paraugas de Cambre, a Torre de Celas de Peiro de Culleredo, o Palacete Municipal de Cedeira, o monumento a Domingo Antonio de Andrade de Cee ou o monumento a Amas de Casa de Ribeira.
Por outra banda, o venres pola mañá en Ourense realizouse un acto de agradecemento e recoñecemento ao voluntariado da Institución polo traballo realizado desde a chegada da pandemia, que tivo a súa réplica nas asembleas comarcais de Valdeorras e Viana, Conso- Frieiras. Ademais, fíxose unha foto de familia de voluntariado e persoal técnico que contou coa presenza do presidente provincial de Cruz Vermella en Ourense, Felipe Ferreiro, o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, o delegado da Xunta de Galicia, Gabriel Alen Castro, e o subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio G. Afonso.
Na provincia de Pontevedra e baixo o título “Conectados: da sociedade para a sociedade” está a poñerse en contacto a voluntarios e voluntarias de Cruz Vermella coas persoas ás que estiveron chamando e apoiando durante todos estes meses. Con motivo destes encontros presenciais en Vigo, Ponteareas, Vilagarcía, Redondela, Lalín, A Guarda, A Estrada e Pontevedra realízanse vídeos cos momentos máis especiais.
O Día Mundial da Cruz Vermella e a Media Lúa Vermella segue sendo un excelente medio para difundir a acción humanitaria das distintas Sociedades Nacionais da Cruz Vermella e a Media Lúa Vermella, constituíndo ademais unha conmemoración oficial que lembra o ideal de solidariedade e axuda mutua que reúne a millóns de persoas solidarias e comprometidas.