Síguenos


Dous irmáns, Teo e Paula, protagonizan a nova historia de acollemento familiar de Querer é Poder

Paula e Teo son dous irmáns que viven temporalmente cunha familia acolledora xa que a súa nai está a atravesar unha situación complicada. “Teo e Paula, Paula e Teo” é o título da nova historia da campaña “Querer é Poder”.

 

Teo, que ten 10 anos e vai en cadeira de rodas, e a súa irmá Paula, de 12, son inseparables. Ela é activa e protectora e el é o seu cómplice e mellor confidente.

 

Mario é un profesor que normalmente vive só e que afrontou con ilusión cambiar o silencio habitual da súa casa polo alboroto destes dous nenos que precisan o agarimo e a seguridade dun fogar. Aos poucos os problemas da nai vanse solucionando e comezan as visitas aos seus fillos. Se queres descubrir máis detalles desta historia, non deixes de ver o vídeo completo.

 

Cruz Vermella xestiona o programa de Familias Acolledoras da Xunta de Galicia centrándose nos acollementos en familia allea. Como Paula e Teo, hai irmáns que necesitan unha familia acolledora que lles brinde coidados e atención durante un tempo. Actualmente hai 17 grupos de irmáns en espera de empezar un acollemento en Galicia: 12 grupos de 2 irmáns, 3 de 3 irmáns e 2 de 4 irmáns.

 

Valoraches algunha vez acoller a un neno ou nena? Calquera persoa, con independencia do seu estado civil, sexo ou idade pode dar o paso. Precisamente o obxectivo desta campaña é seguir dando a coñecer o acollemento familiar en Galicia e ampliar a rede de familias acolledoras con máis persoas que queiran abrir as portas dos seus fogares a menores que o necesitan.

 

Máis información en https://acollementofamiliar.gal/

Share on linkedin
Share on twitter
Share on facebook
Share on whatsapp
Share on email