Dolores González Varela e Pablo Piñeiro Lago viven en Ponteareas coa súa filla Sara e forman parte da rede de Familias Acolledoras de Cruz Vermella en Galicia desde 2015. Un ano despois acolleron por primeira vez a unha nena recentemente nada, que estivo con eles ata os tres anos e medio. Despois desta pequena recibiron na súa casa a outros dous bebés, o último ten 9 meses e chegou fai tan só tres semanas. “Estamos contentísimos. É un neno super bo, moi tranquilo e moi alegre. É unha marabilla”, conta feliz Dolores.
“Os bebés dan o traballo dun bebé, fisicamente é máis esgotador, pero psicoloxicamente é máis fácil porque non teñen ningún tipo de bagaxe detrás, nin recordos ou experiencias que lle puideron marcar”, comenta esta acolledora que tamén explica que o acollemento “é algo que sempre me apeteceu facer. Desde pequena, a miña nai sempre nos inculcou que había que axudar a outros nenos. Na aldea, coñeciamos a nenos que vivían en familias desestructuradas e a miña nai sempre lles axudaba no que podía. Un día propúxenllo ao meu marido e pareceulle unha gran idea”.
As familias son un dos piares fundamentais de calquera persoa. Este feito faise aínda máis evidente cando se trata de menores, pois nesta etapa sentan as bases que os marcará o resto da súa vida. Cruz Vermella e a Xunta de Galicia desenvolven o programa de Familias Acolledoras para proporcionar unha atención temporal a aqueles nenos, nenas e adolescentes que, por diferentes circunstancias, teñen que estar afastados da súa familia de orixe.
Non negan que un dos momentos máis difíciles de todo o proceso é a despedida. “O momento da despedida é moi moi duro. Rómpeche a alma. Aínda que cada vez é máis levadío. No noso caso, estamos moi satisfeitos cos finais que tiveron eses menores, porque puideron ser adoptados e sabemos que están ben, o que nos dá moita tranquilidade e iso é o máis importante”.
Nestes casos, a bondade supera o medo á despedida e ver crecer a eses pequenos é unha das maiores recompensas para estas nais e pais que realizan un labor inestimable. Teñen claro que unha das mellores cousas é “saber que están a aprender o que é unha familia. Moitas veces proveñen de familias desestructuradas e iso pode facer que se repitan roles. Ao estar cunha familia de acollida, estes menores teñen vivencias dun neno calquera, cousas do día a día moi normais ás que non lles damos importancia, como saír ao parque, tomarche un zume nunha terraza ou ir á praia, pero que se estivesen nun centro non vivirían. Faltaríanlles as rutinas típicas dunha familia”.
No caso desta parella, o acollemento tamén resultou moi beneficioso para a súa filla Sara de 10 anos, que desde moi pequena envorcouse sempre en axudar aos nenos acollidos na súa casa, o que supón un dos maiores orgullos dos seus pais. “A nosa filla tomoullo sempre moi ben. No primeiro acollemento era un pouco pequena, tiña 5 anos, e foi fenomenal. Compartiu sempre todo e agora colabora en todo o que pode e está moi pendente deles para atendelos. Ademais, veulle moi ben porque gañou autonomía e independencia”.