- Accede aos consellos e resolve todas as túas dúbidas na procura de emprego.
Cruz Vermella traballa para achegar ao mercado laboral ás persoas que o teñen máis difícil para acceder a un emprego, mellorando a súa empregabilidade desde diferentes vías e ferramentas, tanto presenciais como en formato online. O obxectivo é reforzar as súas competencias profesionais, para potenciar as posibilidades de que poidan acceder a un posto de traballo, sempre baixo o paraugas da igualdade de oportunidades e do bo trato no emprego.
Neste sentido, a Organización Humanitaria dispón do ´Servizo Multicanle de Orientación para o Emprego (CRE-e emprego)´, cuxo obxectivo é acompañar ás persoas que están en procura activa de emprego a través de diferentes ferramentas. Con presenza en redes sociais como Facebook, Twitter, Instagram e Youtube, o servizo realiza periodicamente os seus Directos cara ao emprego, unha serie de conferencias para a empregabilidade, ou ten dispoñible o podcast `Ser Profesional´ en diferentes plataformas de podcasting como Spotify, Ivoox, Google Podcast ou Apple Podcast. Pero, ademais, o servizo multicanle conta co blog CRE-e na súa páxina web, de información relacionada co emprego, tanto para persoas desempregadas como para empresas, e ten dispoñible unha serie de tips de orientación para o emprego, a través dos cales as persoas interesadas poden resolver todas as dúbidas neste ámbito.
Os máis de 20 anos de experiencia no Plan de Emprego que Cruz Vermella permitíronlle observar que, nalgunhas ocasións, as persoas que se atopan buscando emprego poden chegar a bloquearse e é necesario contar cun espazo de orientación que lles permita saber cara a onde encamiñarse e como realizalo dunha maneira efectiva para alcanzar os obxectivos. Neste sentido, a través dos tips de orientación para o emprego, a Organización Humanitaria pon ao dispor das persoas interesadas información, xogos e infografías (dispoñibles para descarga) relacionadas co mercado laboral, a elaboración dun bo CV, as bolsas de traballo ou os procesos de selección. Pero, ademais, neles fálase do mercado laboral que vén, o autoemprego e a relación que existe entre o autocuidado e a procura dun posto de traballo, entre outras temáticas.
Trátase dun servizo gratuíto que está dispoñible a través de Internet. Todas as persoas que estean interesadas en coñecer máis en profundidade estes e outros temas relacionados co emprego, soamente teñen que darse de alta a través desta ligazón. Tamén é posible realizar unha atención presencial a través das asembleas locais de Galicia nas que dispoñemos do servizo (A Coruña, Burela, Ferrol, Lugo, O Barco de Valdeorras, Ourense, Ponteareas, Pontevedra, Santiago de Compostela, Vigo e Vilagarcía de Arousa). Para eles, as persoas interesadas deberán concertar unha cita nos teléfonos de atención de cada unha delas ou enviar un email a galicia@cruzroja.es.
Pero, ademais, Cruz Vermella puxo en marcha recentemente unha nova ferramenta para a procura de emprego. O “CV en tres pasos” permite crear CV actualizados, atractivos e adaptados ás demandas da persoa que está a buscar emprego. Trátase dunha ferramenta gratuíta que integra un soporte para elaborar o CV, cunha guía virtual e un asesoramento individual sobre os pasos e consellos que se deben seguir para a súa confección. Utilizando un teléfono móbil, en menos de 10 minutos, unha persoa terá un curriculum tras seguir 3 sinxelos pasos.
*Máis información sobre o Plan de Emprego de Cruz Vermella, aquí.