No marco da conmemoración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, Cruz Vermella e Cruz Vermella Xuventude traballan para visibilizar como, ademais do xénero, existen outros factores cuxa intersección adoita xerar discriminación ou privilexios. A interseccionalidade de xénero garda relación con factores como a etnia, a idade, a situación económica ou administrativa, a orientación sexual, a discapacidade ou a orixe, entre outros, colocando ás mulleres nunha situación de desvantaxe. Este feito limita o desenvolvemento das súas propias capacidades e o exercicio libre dos seus dereitos.
Baixo o lema “Somos unha, somos todas”, a Organización pon en marcha unha nova campaña de sensibilización con motivo do 8M coa que trata de convidar á reflexión e ao diálogo, destacando aqueles factores que atravesan as mulleres desde que nacen e concienciando sobre a necesidade de conseguir unha igualdade plena de dereitos. En concreto, a través desta iniciativa, durante os próximos días Cruz Vermella Xuventude vai desenvolver en Galicia un total de 84 actividades, tanto na rúa como en centros educativos e de Cruz Vermella, para informar e sensibilizar á poboación sobre esta problemática. Para iso, prevese a participación dun total de 70 persoas voluntarias das catro provincias galegas.
Pero, ademais, neste día Cruz Vermella e Cruz Vermella Xuventude non esquecen ás 1.182 mulleres que foron asasinadas a mans da súa parella ou exparella por violencia machista en España desde que se ten rexistro (2003).
Un ano máis, a Organización segue reivindicando a igualdade de oportunidades e a igualdade real das mulleres. Sumada á defensa de que o feminismo inclúe a todas as mulleres que sofren diferentes opresións, busca conseguir unha igualdade plena de dereitos para todas as mulleres, sexa cal sexa o factor que as atravese.
A atención a mulleres en 2022
Cruz Vermella traballa transversalmente para aplicar a perspectiva de xénero en todos os proxectos que se levan a cabo desde a Organización. Iso implica analizar as diferentes situacións, condicións, roles e necesidades de mulleres e homes, e adaptar a elas as respostas co obxectivo de reducir as brechas de xénero e avanzar cara a unha sociedade realmente igualitaria.
Así, desde a Área de Emprego, acompáñase de maneira individualizada ás mulleres para trazar o seu camiño para o seu proxecto profesional, construír a confianza do “eu podo” xerando novas oportunidades, reducir a brecha de xénero dixital e investir no seu futuro, mediante a capacitación profesional.
Doutra banda, Cruz Vermella tamén traballou en 2022 para promover a concienciación e a implicación da sociedade como axente de cambio na erradicación das distintas formas de violencia cara ás mulleres: apoiouse ás mulleres que non tiñan redes de apoio familiar ou social, con fillos ou fillas baixo a súa responsabilidade, con discapacidade, novas, maiores de 65 anos, migrantes, refuxiadas, residentes en contornas rurais, en situacións de trata, en contextos de explotación sexual e prostitución, entre outros, cuxa finalidade foi a de favorecer e mellorar a súa autonomía persoal e económica.
Ademais, a Organización creou o Observatorio Nacional das Mulleres como mecanismo para detectar, analizar e actuar ante as necesidades das mulleres coas que se intervén, promovendo iniciativas e medidas específicas para a atención das múltiples vulnerabilidades que podían presentar as mulleres nas súas diferentes dimensións.
En relación cos nenos, nenas e adolescentes que ven gravemente afectados como fillos e fillas das vítimas, con eles e elas trabállase para fomentar a súa participación social a través de talleres de ‘Autoexpresión e empoderamento’ no proxecto ‘Alzando a Voz’, cuxos resultados se publicaron no informe ‘Quero ter poderes’. Este visibiliza o problema social e dá voz á infancia e adolescencia, quen a pesar de situación que viven as súas nais toman partido como axentes de cambio na contorna máis próxima.
En 2022, Cruz Vermella acompañou a 773 mulleres en situación de trata e 317 mulleres en explotación sexual, das que 67 foron atendidas en Galicia. As mulleres foron explotadas sexualmente, por traballos ou matrimonios forzosos ou actividades ilícitas, entre outras. Que a maioría delas sexan migrantes, en situación de pobreza, con niveis educativos baixos, sen papeis e con vidas atravesadas polas violencias durante xeracións, evidencia a necesidade da implementación da perspectiva de xénero interseccional na análise e creación de respostas. Desde este enfoque, contribúese a mellorar as vidas de cada unha delas e as súas familias, así como á transformación dos esquemas de discriminación que inflúen na trata de persoas.
Dentro do proxecto ‘Coeducación e educación non sexista’ de Cruz Vermella Xuventude, desenvolvéronse en 50 provincias españolas actividades de sensibilización na rúa, centros escolares ou asembleas de Cruz Vermella con case 28.000 nenos e nenas, 1.640 deles en Galicia en actividades enmarcadas no 8M de 2022. Nestas accións participaron preto de 2.000 persoas voluntarias, 69 delas en Galicia.
Por último, o proxecto `Cruz Vermella Te Escoita´ céntrase no coidado da saúde mental, como parte fundamental da saúde e o benestar que sustenta as capacidades individuais e colectivas. As mulleres con problemas de saúde mental son especialmente vulnerables, en particular, sofren un elevado risco de padecer rexeitamento, illamento e exclusión social.