Síguenos


La mayor oportunidad

Cruz Vermella subliña a importancia do apoio comunitario como “a maior oportunidade” ante a soidade non desexada

Cal é a maior oportunidade para estar cada vez máis preto das persoas? Con motivo do Día Mundial das Persoas de Idade, que se conmemora o 1 de outubro, Cruz Vermella ten en marcha en A Coruña unha campaña de sensibilización acerca da importancia do apoio comunitario ante a soidade non desexada. Unha forma, a de xerar comunidades activas, para facer fronte e, sobre todo, previr este tipo de situacións.

 

Tras as sesións impartidas por persoal técnico e voluntariado de Cruz Vermella en diferentes centros escolares e clubs deportivos da cidade ao longo desta semana, o vindeiro martes 3 de outubro terá lugar a xornada ‘Lucas Pérez en primeira persoa’, na que o xogador do RC Deportivo, que foi criado polos seus avós, compartirá cos e as persoas novas asistentes a súa perspectiva acerca da importancia das persoas maiores, das oportunidades que viran ao redor delas e do papel que ha de xogar a sociedade en xeral e a xente nova en particular para propiciar contornas realmente inclusivas.

 

Seguindo coas xornadas de sensibilización, o xoves 5 de outubro desenvolverase a sesión ‘Ponte na súa pel’, durante a cal estudantes e profesionais do ámbito sociosanitario, así como representantes de administracións públicas, terán a oportunidade de coñecer de primeira man as sensacións físicas propias da idade. A través dun obradoiro cun traxe de envellecemento, a neuropsicóloga da Asociación Nacional de Gerontólogos de Portugal, Sara Gordo, convidará aos asistentes a empatizar coas persoas maiores a través tanto do traxe como de diversas ferramentas de traballo, co obxectivo de que poidan abordar o seu labor diario poñéndose no lugar de quen ten enfronte.

 

Tanto a xornada ‘Lucas Pérez en primeira persoa’ como ‘Ponte na súa pel’ terán lugar na sede da Fundación Paideia (Praza de María Pita, 17) o martes 3 e o xoves 5 de outubro, respectivamente, a partir das 18.30 horas. Para a súa celebración, Cruz Vermella conta coa colaboración do Concello da Coruña a través do convenio en materia de atención a persoas en situación de soidade non desexada.

 

Enredando… con Fundación San Rafael

As actividades da próxima semana ao redor das persoas maiores contarán ademais con novas sesións do “Enredando Tour” que, grazas ao apoio da Fundación San Rafael, ofrecerá obradoiros de capacitación dixital en zonas concorridas da cidade como o Obelisco (luns 2 de outubro) e a praza de Lugo (mércores 4 de outubro). Quen se achegue poderá coñecer de primeira man as ferramentas dixitais coas que conta a aula móbil de “Enredando Tour”.

 

#LaMayorOportunidad

A maior oportunidade para ser mellores está en xerar unha contorna inclusiva no que cada persoa conte e cada historia some. Así, e co obxectivo de subliñar a importancia das persoas maiores en e para a sociedade, a Oficina provincial de Cruz Vermella na Coruña lanzou desde os seus perfís en redes sociais (@CruzRojaCoruna en Instagram, Facebook e Twitter) a campaña #LaMayorOportunidad. Unha forma de poñer sobre a mesa a importancia do apoio comunitario e a xeración de comunidades activas -tamén nas redes virtuais- para previr as situacións de soidade non desexada.