Síguenos


Cruz Vermella reforza a súa atención a 25.500 persoas vulnerables en Galicia ante o COVID-19

Os equipos de Cruz Vermella e Media Lúa Vermella están a responder ás consecuencias da epidemia do COVID-19 ao longo de todo o mundo, facendo un labor moi valioso para apoiar á sociedade e especialmente ás persoas máis vulnerables.

 

En España Cruz Vermella puxo en marcha un Plan de Continxencia fronte ao COVID-19 para contribuír á contención e evitar a propagación do coronavirus, reforzando as capacidades dos equipos e recursos dispoñibles en todo o territorio e promovendo accións de prevención e sensibilización á cidadanía, especialmente das persoas e grupos máis vulnerables.

 

Grupos vulnerables: as persoas maiores, con discapacidade ou enfermidades crónicas

 

Unha das medidas máis importantes que puxo en marcha Cruz Vermella foi lanzar unha campaña informativa dirixida ás persoas máis vulnerables. No caso de Galicia, realizaranse chamadas a máis de 25.500 persoas usuarias identificadas na comunidade autónoma como especialmente vulnerables ante o coronavirus: persoas maiores, con discapacidade ou con enfermidades crónicas e que participan nos nosos programas e actividades.

 

A información, pautas e consellos básicos que se transmiten son os trasladados polas autoridades sanitarias, con especial atención á Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia e Servizo Galego de Saúde (Sergas). Ademais de proporcionarlles información relevante, a organización humanitaria ponse ao dispor destas persoas para calquera contacto posterior que precisen.

 

En total en España son 400.000, de entre os 4 millóns de persoas que Cruz Vermella atende anualmente en todos os seus programas (emprego, educación, medio ambiente, inclusión social, entre outros): persoas maiores, con discapacidade ou con enfermidades crónicas ás que atende a organización.

 

O obxectivo fundamental é informarlles das pautas básicas de prevención e facer seguimento telefónico do seu estado de saúde. A través destas chamadas de seguimento, Cruz Vermella quere asegurarse de que as persoas máis vulnerables dispoñen das pautas e recomendacións básicas de prevención.

 

O medo e a desconfianza poden aumentar a propagación das enfermidades e obstaculizar os esforzos por contelas. Nestes escenarios, a información veraz e a solidariedade humana conforman a resposta máis efectiva para previr e apoiar ás persoas que poidan verse afectadas.

 

Formación e información para previr a propagación do COVID-19

 

A formación do persoal interveniente en Emerxencias e Socorros de Cruz Vermella é un dos puntos crave deste plan de continxencia fronte ao COVID-19 para o que se están realizando accións de formación aos equipos e demostracións para explicar as accións de autoprotección do persoal, as medidas de hixiene básicas, así como a transmisión de mensaxes crave e de loita contra o estigma.

 

Paralelamente, Cruz Vermella puxo ao dispor de toda a poboación un curso online sobre o Coronavirus, ao que accederon xa máis de 35.000 persoas e que permite coñecer unha información básica sobre o COVID-19 para que poidan dispoñer de coñecementos esenciais para a prevención da súa propagación.

Share on linkedin
Share on twitter
Share on facebook
Share on whatsapp
Share on email