Síguenos


Cruz Vermella recoñece en Pontevedra e Vigo a colaboración das empresas co Plan de Emprego

Cruz Vermella celebrou en Pontevedra e en Vigo senllos actos de recoñecemento ás empresas e entidades colaboradoras co Plan de Emprego de Cruz Vermella. En total, 60 empresas (20 en Pontevedra e 40 en Vigo) participaron nestes eventos que se celebraron a semana pasada e nos que houbo un relatorio “A xestión do cambio nas empresas: unha oportunidade desde a perspectiva do (auto)coidado neste século XXI”, a cargo de Sandra Fernández Prado, consultora en Responsabilidade Social Empresarial.

 

En conxunto son máis de 250 empresas en toda a provincia de Pontevedra, de todos os tamaños e sectores, as que colaboran coa Institución e que durante todo este ano desempeñaron un papel fundamental na loita contra a exclusión social.

 

Das 848 persoas que participaron no Plan de Emprego, a través das asembleas comarcais de Pontevedra, O Salnés, Vigo e O Condado, 610 lograron acceder a un posto de traballo, o que supón unha taxa de inserción laboral do 72%. O mérito, ademais do esforzo dos propios participantes, é compartido coas empresas que os acollen en prácticas, imparten formación ou contactan co equipo de Cruz Vermella cando necesitan contratar algún novo empregado. Desta maneira, as empresas conseguen traballadores cualificados que demostraron as súas capacidades, ao mesmo tempo que contratan ás persoas que máis o necesitan.

 

O Plan de Emprego de Cruz Vermella conta co apoio das administracións públicas a través dos programas operativos de emprego, POEJ e POISES, financiados polo Ministerio de Traballo e Economía Social e o Fondo Social Europeo.

Share on linkedin
Share on twitter
Share on facebook
Share on whatsapp
Share on email