Cruz Vermella en Pontevedra recibiu o premio “Pontevedreses do ano” polo seu labor social, un galardón que concede desde fai dezasete anos Diario de Pontevedra e que o xurado decidiu por unanimidade.
Este premio supón un recoñecemento ao traballo realizado pola Institución na comarca de Pontevedra e que durante a pandemia viuse incrementado chegando a atender en seis meses de 2020 o mesmo que durante todo o ano 2019. Actualmente, Cruz Vermella en Pontevedra atende a máis de 9.031 persoas entre os diferentes programas. Estes datos son posibles grazas á inmensa colaboración das 370 persoas voluntarias que son o motor da organización para realizar os proxectos; e do enorme apoio da sociedade pontevedresa. Nestes momentos hai 8.963 persoas socias, das que 261 son empresas.
María Teresa Álvarez Quicler, presidenta provincial de Cruz Vermella Pontevedra, comentou sobre este recoñecemento que “Non nolo esperabamos, deunos unha oportunidade para pararnos a pensar un momento e gozar desta alegría. Sentimos orgullosos e honrados. Estamos moi agradecidos a diario de Pontevedra por pensar en Cruz Vermella e darnos o galardón. É un orgullo pola sensación de recoñecemento que supón o traballo de todo o equipo”.
O certame celebrouse este xoves 25 de novembro no Auditorio da Fundación en Pontevedra e estivo presidido por Blanca García-Montenegro, presidenta de Diario de Pontevedra, á que acompañaban o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, o deputado provincial Carlos López Font e a directora territorial de Abanca, Carmen Fernández, que foron ademais os encargados de entregar os galardóns.
Ademais de Cruz Vermella, recibiron o seu premio Celso Bugallo, na categoría de Cultura; Construcións Ramírez, na de Empresa; a Escola de Enxeñaría Forestal, na categoría de Investigación, Ciencia e Universidade; e Teresa Portela, na de Deporte. Ademais, os 3.624 sanitarios que conforman a persoal da área Pontevedra-O Salnés recibiron o premio Pontevedreses de Honra.