Cruz Vermella continúa traballando para axudar ás persoas que máis o necesitan nestes momentos en Galicia. Reforzamos a nosa intervención con persoas vulnerables, adaptando a nosa resposta ao novo contexto de crise social e sanitaria xerado polo COVID-19.
A Organización puxo en marcha o Plan Cruz Vermella Responde para as persoas en situación de vulnerabilidade e poboación en xeral, trátase dun plan concreto de actuación fronte ao COVID-19 que ofrece unha resposta integral nas nosas áreas de actuación: Socorros, Inclusión Social, Emprego, Saúde, Educación e Medio Ambiente.
Cúmprese un mes do lanzamento do citado Plan e facemos balance das accións que desenvolvemos na nosa comunidade autónoma. Entre outras cousas, Cruz Vermella está a levar a cabo chamadas de coidado e seguimento, entrega de comida e produtos de primeira necesidade en domicilios ou despregamento de recursos de aloxamento temporal. As nosas actuacións realízanse sempre en coordinación coas diferentes administracións públicas e prestamos apoio a Emerxencias Galicia – 112.
Contamos coa colaboración de voluntariado para desenvolver as accións deste Plan, trátase tanto de persoas voluntarias que xa participaban nas nosas actividades como doutras que se incorporaron recentemente. Actualmente son un total de 944 voluntarios e voluntarias os que están mobilizados. Todos eles recibiron formación específica sobre pautas de seguridade e prevención para saber tomar as medidas adecuadas para previr a propagación do COVID-19.
Actuacións e datos
A continuación expoñemos información das accións que estamos a facer en Galicia e algúns datos do realizado ata o momento:
O Centro de Operacións de Cruz Vermella en Galicia está operativo e segue funcionando 24 horas para proporcionar apoio loxístico e xestionar recursos para as diferentes actuacións así como para atender ás persoas usuarias dos servizos de teleasistencia.
Contamos con 18 ambulancias e outros 30 vehículos de transporte adaptado e emerxencia para a mobilización de persoas no caso de que sexa necesario. Xa se realizaron 485 traslados de transporte sanitario vinculados ao COVID-19.
Estamos a facer chamadas de acompañamento e coidado a persoas maiores, con discapacidade, enfermidades crónicas ou que viven soas e son usuarias ou participan nos nosos proxectos. O obxectivo é saber como se atopan, detectar necesidades e ofrecerlles pautas básicas de prevención. Efectuamos máis de 31.500 chamadas en total.
Proporcionamos alimentos e produtos de primeira necesidade así como vales de compra a familias e persoas en situación de vulnerabilidade. Realizáronse máis de 4.240 entregas de alimentos e produtos básicos.
Estamos pendentes das persoas sen fogar. Colaboramos na montaxe de 6 espazos de aloxamento temporal na Coruña, Lugo, Pontevedra, Vigo e Vilagarcía. Así mesmo colaboramos na xestión de varios destes albergues de maneira coordinada cos concellos correspondentes. En total supoñen 270 prazas, a maioría das cales están ocupadas. Por outra banda, os equipos de atención a persoas sen fogar continúan realizando saídas de rúa na Coruña, Santiago, Lugo, Ourense e Pontevedra.
Os obxectivos xerais do Plan Cruz Vermella Responde son alcanzar a máis de 1.350.000 persoas en España en dous meses cun orzamento estimado de 11.000.000 €. O Plan pretende mobilizar a máis de 40.000 persoas voluntarias que materializarán as respostas previstas en todo o Estado a través de máis de 1.400 puntos de atención.