O pasado mes de agosto Cruz Vermella poñía en marcha, por terceiro ano consecutivo, o dispositivo especial de atención a peregrinos e peregrinas, “Contigo non camiño”. Unha edición que se celebraba, por primeira vez, en ano non Xacobeo e cuxo balance se resume nun total de 700 atencións durante as cinco semanas nas que se desenvolveu. En concreto, a maior parte delas foron debidas a ampolas e dores musculares, pero tamén se lles proporcionou apoio doutro tipo, como a resolución de consultas de carácter xeral, sanitario, cultural ou loxístico. O equipo de socorristas que cubriron por completo o percorrido do Camiño Francés entre Sarria e a cidade de Santiago de Compostela, proporcionaron ademais información sobre as propias etapas do Camiño, a súa dificultade ou os tramos alternativos, lugares para comer, durmir ou visitar, entre outros.
Ao longo dos tres anos de funcionamento do dispositivo “Contigo non camiño”, Cruz Vermella escoitou as demandas e necesidades dos e das peregrinas, o que permitiu adaptar o servizo ás necesidades que o Camiño de Santiago pode necesitar. Así, neste ano os socorristas da Organización especializáronse en dúas das cinco etapas desde Sarria a Santiago de Compostela, co fin de ofrecer unha atención específica e o máis detallada posible. En segundo lugar, realizouse a entrega de máis de 2.000 pulseiras de tea coas que, a través dun código QR, accédese a unha páxina web na que chamar directamente aos servizos de emerxencias 112 e 061, ou obter consellos e recomendacións sobre o Camiño de Santiago. Por último, a colaboración das persoas que son a base da Organización, o voluntariado, permitiu a ampliación do dispositivo durante as fins de semana.
O balance das persoas atendidas puxo de manifesto, mediante a elaboración de enquisas de satisfacción, a boa acollida e a valoración positiva do servizo, cunha valoración de 9,9 sobre 10.
Actividade especial de peche
Coincidindo cos últimos días de dispositivo, Cruz Vermella organizou unha xornada lúdica o venres 30 de setembro, na que máis de 100 persoas entre persoal técnico de Galicia e doutras Comunidades Autónomas, e voluntariado da Organización realizaron dúas modalidades do Camiño de Santiago. Por unha banda, o groso do grupo realizou a etapa camiñando desde Amenal (15 quilómetros) e, por outro, un total de 14 persoas realizaron a ruta en bicicleta eléctrica percorrendo os 34 quilómetros que separan Arzúa da Praza do Obradoiro.
Xa en O Monte do Gozo, onde tivo lugar o reagrupamento dos grupos, Cruz Vermella e a Axencia Turismo de Galicia realizaron un acto de clausura que estivo presidido por Mercedes Casanova Díaz, presidenta autonómica de Cruz Vermella en Galicia, e Xosé Merelles, director de Turismo de Galicia.